Category Archives: Leite

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

Nos solos galegos, de carácter ácido, a caliza é un aliado fundamental para optimizar a nutrición dos cultivos, pois contribúen a que as plantas capten e asimilen os nutrientes aportados por abonos e xurros. Repasamos da man de Calfensa a gama de produtos dispoñible no mercado e consellos de aplicación para a campaña de millo.

Gama de produtos

Caliza agrícola O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico. Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa. No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda. Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40. Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa. Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio) Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos. A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores. Óxido de calcio e óxido de magnesio Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto. O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o da dolomía calcinada (óxido de calcio e óxido de magnesio) en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa. Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo. Suba do pH Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo. Aplicación de xurros e abonos No posible, é conveniente esperar unhas semanas a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Principais beneficios das calizas

  • Evítase o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis asimilables polas plantas.
  • Redúcese a toxicidade de determinados minerais para as plantas, como o aluminio, o ferro ou o manganeso.
  • Favorécese a absorción de Molibdeno (Mo) presente no solo por parte das plantas, algo que é especialmente positivo nas leguminosas, que presentan altas necesidades do mineral.
  • Mellora a estrutura do solo e as súas propiedades físicas.
  • Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor transformación da materia orgánica e nunha maior dispoñibilidade de nutrientes.
  • Contribúe ó bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas.

Probas de abril de mellores xovencas xenómicas: Galicia copa os primeiros postos

Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE) acaba de publicar a actualización das probas xenómicas de femias correspondentes ao mes de abril. Nesta ocasión, e como xa vén sendo habitual, os primeiros postos destas futuras nais, están copados por ganderías galegas. Así, a mellor xovenca por ICO, CASAGABINO PRECISIO.MEI FIV ET , con 1356 puntos, pertence a gandería Casa Gabino, de Friol (Lugo). Coa mesma puntuación e en segundo posto sitúase LSCG 275 GUIRI 102 FIV ET, de  Landeira SCG, de Negreira (A Coruña). Empatada tamén co mesmo ICO,a terceira praza é para VALLS-GOL 673 LIS ET, da gandería catalá Valls-Gol SCP en Aravell, Lleida. E o cuarto posto, con 1346 puntos, correspondente a ABONXO GIGANTIC ROSALIA ET, da gandería lalinense BLANCO ABONXO SC. Este é un resumo das 25 mellores xovencas xenomicas por ICO: Consulta aquí os resultados completos das Mellores Xovencas Xenómicas de España:

– 1.000 Mellores xovencas xenómicas por ICO – 1.000 Mellores xovencas xenómicas por IGT – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TLEITE – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TQUEIXO – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TPASTO – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TECO

Continúa a recuperación dos prezos da manteiga, do queixo e do leite en pó na UE

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións da cuarta semana de abril dos produtos lácteos nos mercados internacionais. O mes conclúe na UE cunha suba no prezo da manteiga -que se mantén en prezos altos-, e tamén cunha recuperación das cotizacións do leite en pó desnatado e do queixo cheddar. A caída da produción tanto en Europa como en Estados Unidos axuda a esta recuperación dos prezos. En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta semana de abril para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 574 €/100 kg, +1,3 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 239 €/100 kg, -0,7 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 364 €/100 kg, +2.2 % ,, -Queixo cheddar: 392 € /100 kg +0,9% En Italia o prezo do leite spot segue á baixa e quedou esta semana nos 0,428 euros o litro. Polo que respecta á producción, os datos oficiais disponibles confirman que entre xaneiro e febreiro caeu a produción na Unión Europea nunha media do 0,6% respecto aos mesmos meses de 2023. En Estados Unidos tamén houbo unha caída das entregas de leite en febreiro do 1,3% e do 0,7% no Reino Unido, mentres que en Nova Zelandia a produción subiu un 1,9% respecto a febreiro do ano pasado.

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

Verica S.C.: Confort animal e benestar laboral

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique Verica S.C., situada no concello de A Pastoriza, é unha granxa de vacún de leite que centra a produción do rabaño de máis de 280 vacas holstein en conseguir altas porcentaxes de graxa e proteína. Do mesmo xeito, a calidade de vida é fundamental para os 3 socios desta gandería, que reparte as tarefas diarias en dúas quendas de traballo.  Esta sociedade situada no lugar de Os Poles, na parroquia de Aguarda, é unha das moitas explotacións que sitúan a Pastoriza como o segundo concello en canto a vacún e produción de leite en Galicia. E é que a gandería é a principal actividade económica deste municipio, como en boa parte da comunidade.

Buscando maior calidade de vida o traballo organízase en dúas quendas 

No mes de xullo 2015 chegaron as primeiras vacas ás novas instalacións, logo da unión das dúas explotacións que Verónica e Enrique levaban de xeito independente. No momento de constitución da sociedade sumaron un terceiro membro, Carolina, dando lugar a Verica S.C. O cadro de persoal actualmente está formado por estes 3 integrantes máis 2 empregados, repartindo as tarefas en dúas quendas de traballo, desde as 6:30 e ata as 21:30 que remata o segundo grupo.  A pesar da xuventude desta sociedade, debido ao progresivo aumento de animais, xa foi necesaria unha ampliación das instalacións, con 28 cubículos a maiores e alugando unha granxa próxima para albergar parte da recría. “Comezamos coas vacas que tiñamos máis unhas 45 que fomos comprando e a dia de hoxe estamos en 280 animais en total, unhas 152 en muxidura e 20 secas”, explica Enrique sobre a evolución da sociedade.  A cabana gandeira está dividida en varias naves. En primeiro lugar, as vacas en produción están nas instalacións novas que á súa vez se dividen en dous lotes, separando ás vacas de primeira lactación nunha á da nave e o restante na outra. Esta construción tamén alberga á recría ata o momento do destete, cunha zona de boxes individuais e dúas zonas colectivas nas que permanecen ata cumprir 2 meses de idade, momento no que acadan un peso en torno aos 90 quilos. Nesta construción hai unha zona para partos. Unha vez as tenreiras son destetadas pasan por dúas naves en alugueiro ata o momento do parto no que regresan á nave principal, chegando cunha media de 22 meses de idade.  Para a alimentación é preciso realizar diariamente 5 carros, dos que se encarga unha empresa externa. Dous para a recría, un para as secas e outros dous para as vacas en lactación. Esta última mestura está formada por 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 2 de alfalfa e 12 de concentrado. Ao longo do día achégase varias veces a ración cun arrimador autopropulsado para que sempre haxa a disposición alimento fresco.

“Interésannos as calidades, temos unha produción con 4.27% de graxa e 3.67% de proteína” 

Froito desta alimentación e dunha coidada selección xenética, a produción diaria por animal sitúase en 36 litros cunhas calidades de 4.27% graxa e 3.67% de proteína, realizando a muxidura dúas veces ao día. “Vendemos o leite a unha queixería que demanda sólidos polo que é nesa liña na que centramos a nosa produción e non nos preocupamos unicamente por ter litros. Xenéticamente sempre seleccionamos seme positivo en calidades pero sen descoidar volume, ubre, patas ou lonxevidade”, explica Enrique acerca do seu rabaño.  A necesidade de redución de antibióticos fai que as explotacións estean a traballar en prevención. Neste sentido, en Verica S.C. explican que “temos un protocolo de vacinación tanto das xatas ao nacer como das vacas en lactación para reducir problemas e, deste xeito, o uso de antibióticos. Para o secado, na maioría de casos empregamos un tapón e puntualmente facemos tratamento naquelas vacas con maior reconto celular”. 

A pasada campaña de millo foi de récord con preto de 70 mil quilos de media 

A parte agrícola da explotación xira en torno a dous cultivos principais, raygrass en inverno e millo no verán. “Traballamos unhas 70 hectáreas nas que facemos rotación de millo con herba. Progresivamente, co aumento de gando fomos aumentando as terras a millo e a día de hoxe estamos nunhas 50 hectáreas. Este é o cultivo principal e sacamos bos rendementos en canto a produción e calidades. A campaña 2023 foi moi boa, sacamos preto de 70 mil quilos de media por hectárea e vainos sobrar pero preferimos ir con algo de marxe. A superficie restante permanece a prado e cada ano quedan en descanso diferentes fincas. Facemos un único corte de herba a finais de abril para sementar canto antes porque, aínda que nesta zona temos dias de néboa e nubes no verán, deste xeito o cultivo sufre menos a seca”, explica Enrique.  Para o traballo agrícola, ao igual que para a elaboración da mestura diaria, en Verica S.C. contratan gran parte dos traballos agrícolas para axilizar en momentos clave do ano. Enrique encárgase de “sementar a herba, xuntar ou gadañar boa parte das fincas, pero despois o groso do traballo das terras contratámolo a empresas de servizos agrícolas. Teriamos que facer un forte investimento en maquinaria para encargarnos nós de todo o traballo das terras ademais do tempo que require”, recoñece.  O futuro desta sociedade pasa por “adaptarse aos tempos pero valoramos moito ter calidade de vida. Non consideramos aumentar en gran medida ou facer cambios estruturais sempre e cando non sexan necesarios para a viabilidade da empresa. Dende fai un ano organizámonos en dúas quendas de traballo, rotando de xeito semanal.” explica Enrique coa mirada posta no futuro. Esta organización permite que calquera problema se identifique inmediatamente ao haber alguén na explotación durante máis horas ao día. Dende as 6.30 que entra o primeiro quenda ata as 21.30 hai alguén traballando en Verica S.C.  Nave coa recría

O Plan Renove incorporará axudas para maquinaria de mantemento das cubertas vexetais

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que modifica as bases reguladoras para a concesión directa das axudas estatais para a renovación de maquinaria agraria que están estipuladas no Real Decreto o 1055/2021. Este real decreto ten como obxectivo manter o impulso á modernización do parque de maquinaria agrícola mediante o apoio á adquisición de equipos e maquinaria que incorporen novas tecnoloxías e procuren prácticas máis sustentables co medio ambiente. A principal novidade reside na inclusión dos equipos asociados ao mantemento das cubertas vexetais entre os tipos de máquinas subvencionables, modificación que responde a unha demanda do sector, co obxectivo de facilitar a renovación desta maquinaria, en coherencia co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) que inclúe intervencións que fomentan ese tipo de prácticas agrarias. As medidas previstas neste real decreto están orientadas a incentivar a adquisición de maquinaria nova e o achatarramento da antiga, e buscan reducir as emisións de CO2, de amoníaco e de partículas, ademais de optimizar a aplicación de insumos e de fixar carbono no chan. Ao mesmo tempo perséguese tamén mellorar a eficiencia enerxética. Con esta modificación, ademais, clarifícanse algúns documentos que deben presentar os solicitantes para facilitar a tramitación da axuda e mellorar a xestión do procedemento. A modificación do real decreto dá cumprimento á extensión da validez da normativa comunitaria na que se basea, o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se estende tamén a validez das bases reguladoras que agora se actualizan.

O Caxigo, unha cooperativa con 40 anos de servizo ás granxas da Terra Chá

O Caxigo é unha cooperativa de gandeiros ubicada no lugar de Vián (A Pastoriza, Lugo), da que os socios se benefician de diversos servizos, dende o apoio na xestión a servizo veterinario. É unha cooperativa que se mantivo fiel a súa esencia de servizo de proximidade, adaptándose ás necesidades de cada explotación, aínda que isto lle supoña ter un tamaño máis reducido. A orixe do Caxigo sitúase no ano 1984, cando un grupo de gandeiros decidiu asociarse para facer a compra conxunta de abono. Un par de anos máis tarde xa se iniciaban os tramites de constitución da nova sociedade, sumando progresivamente novos servizos aos gandeiros, como a comercialización en conxunto do leite, un equipo veterinario propio, servizo de substitución ou asesoramento técnico e económico. Nos últimos anos debido ao descenso de gandeiros en activo, algún servizo como o veterinario, foi exteriorizado.
“Chegamos a 115 explotacións entregando leite, hoxe somos 14 de leite e 19 de carne”
Esta sociedade centra a súa actividade en granxas da zona da Terra Chá e a súa traxectoria acompaña paralelamente á situación do agro galego. Explica Antonio Alvite, presidente dende o 2014, “actualmente a cooperativa está formada por 80 socios, principalmente de A Pastoriza, pero tamén de concellos veciños como Meira, Abadín, Riotorto ou Castro de Rei. En activo quedamos 14 explotacións de leite e 19 de carne, nalgúns anos chegamos a ser 115 granxas. Certo é que o volume de venda non experimentou ese descenso, pois entregamos mensualmente uns 400.000 litros de leite e utilizamos a cooperativa como figura intermediaria para a negociación en conxunto”. Antonio lamenta o cambio da normativa de contratos lácteos desde o 2015, pois “dalgunha maneira quedamos desprotexidos, dado que a industria e o gandeiro tiñan que ter relación directa, polo que deixamos de actuar como primeiros compradores”. O Caxigo é unha das tantas cooperativas que había espalladas pola xeografía galega e que posteriormente se foron integrando en grupos de maior tamaño. “Nalgunha ocasión valoramos a posibilidade de integrarnos, pero creo que o trato que pode recibir o gandeiro sería moi diferente. Temos que pensar que cooperativas como esta realizan unha importante labor social no entorno, en primeiro lugar porque sempre axudaron a ter mellores prezos e por outra parte, a proximidade da entidade co socio, xerando unha relación de confianza mutua”.
O Caxigo e a cooperativa O Xeixo colaboran na prestación de servizos ós seus respectivos socios
Esta entidade ofrece servizos propios, pero tamén colabora con outras cooperativas. O Caxigo tira man de Clun e Aira para o suministro de penso e compleméntase con outra cooperativa próxima, como O Xeixo (A Pastoriza), en diversos servizos. “Nós temos un axente de substitución que poden solicitar socios de O Xeixo e igualmente nós podemos utilizar o servizo de calidade de leite ou o subministro de gasóleo que teñen eles. Somos pequenas entidades e debemos colaborar entre nós, pois algúns dos servizos non os poderiamos ofrecer de xeito individual”. Dende un simple trámite de dar de alta ou baixa un animal, ata a xestión de subvencións ou recomendacións para a fertilización das parcelas, o asesoramento do Caxigo ós socios é amplo. “É un traballo simple pero fundamental o de ter un apoio técnico para aquelas granxas que teñen dificultades para realizar trámites. Tamén ofrecemos axuda coa veciñanza en pequenos trámites administrativos, poñendo a cooperativa ao servizo do pobo. Ademais, tal e como se presenta o futuro, con esixencias como o caderno dixital ou o veterinario de explotación, cremos que debemos manter ou, na medida do posible, reforzar esta figura”, explica Antonio, cunha ollada no futuro máis próximo.

“As subvencións dannos mala imaxe, son partidario de que desaparezan e de que a nosa produción se pague polo que vale”

No contexto actual dos ultimos meses, marcado pola oposición do sector en toda Europa ás novas normativas, Antonio explica dende a súa propia perspectiva a situación actual do agro galego. -Cales son as perspectivas a curto prazo, vendo a situación actual e os cambios que se veñen? -Creo que o que se vai conseguir é que se acelere o peche de moitas explotacións. É necesario que teñamos uns controis, pero non vexo ben que despois o noso produto compita no mercado con outros procedentes de zonas con menores esixencias. Ademais dunha competencia desleal, considero que é un engano ao consumidor. Estamos nun mercado global e non podemos pechar as portas, pero temos que protexer o noso. Para competir en igualdade de condicións, o consumidor debe saber a procedencia e os controis que hai detrás de cada produto que hai no supermercado.
“Vexo ben que se reduza o uso de antibióticos, pero non é normal que para tratar unha hipocalcemia teñamos que chamar a un veterinario”
En sanidade animal, en canto ás estratexias que se están a seguir para reducir o uso de antibióticos, véxoo ben porque están aparecendo na sanidade resistencias a algúns antibióticos. O que si que non é lóxico, e entra en contradición coas normativas de benestar animal, é que non poidamos utilizar sen unha visita previa do veterinario algo tan simple como un tratamento de calcio, por exemplo. No momento en que encontramos unha vaca con hipocalcemia, deberiamos poder actuar canto antes, e calquera gandeiro sabe cando é preciso facer un tratamento deste tipo.
“O control da fertilización mesmo pode supoñer un aforro. É bo traballar en base ás necesidades do cultivo e a analíticas de solo”
No límite que pode haber no uso de fertilizantes, non creo que sexa un problema, senón que haberá que acostumarse a traballar de forma diferente e facer un plan de fertilización sobre unha analítica de solo e unhas necesidades para cada cultivo. Ademais, isto pode supoñer un aforro, por non estar abonando por encima das necesidades do cultivo. - Como ves ó sector ante os cambios lexislativos? - Vexo certo desánimo no sector, especialmente por gandeiros de certa idade, que nun sector con problemas de relevo xeracional, é unha parte maioritaria. É triste que desaparezan explotacións familiares porque directamente vai ir desaparecendo a xente dos pobos. En Galicia temos os prezos máis baixos do estado e non entendo como sendo España un país que non produce o leite que consume, continuamente haxa problemas de prezo en orixe. E sinceramente, non creo que os lácteos de países de fora, como por exemplo de Holanda, cheguen aos supermercados a prezos inferiores aos de aquí. Para que as explotacións sexan viables, os prezos non poden baixar. Ademais de todo o traballo diario que hai nunha explotación e as inversións que hai detrás, temos que adaptarnos a outros contratempos. Por exemplo, os vermes que atacan as pradeiras ou a enfermidade da hemorraxia epizoótica. Ao final son pequenos problemas que incrementan os custes de produción. -Como gandeiro, que medidas cres que serían necesarias para manter a viabilidade e garantir o relevo xeracional? -Vexo que o pouco relevo que temos non o coidamos, nin desde a administración, a industria ou a distribución. Este é un traballo digno como outro calquera, pero hoxe valórase moito a calidade de vida e unha explotación familiar, como a maioría das que hai hoxe en Galicia, require moitas horas.
O pouco relevo xeneracional que hai non o coidamos, nin desde a Administración nin desde a industria ou a distribución
É unha profesión que en primeiro lugar ten que gustar porque hai que ter unha dedicación constante. No caso de explotacións de gran tamaño e máis industrializadas, pódese organizar o traballo porque o cadro de persoal é mais amplo, pero temos que ser conscientes de que estas non son as que máis beneficio deixan no entorno. A miña opinión é que as subvencións deberían desaparecer e a produción que temos ten que ser suficientemente valorada e remunerada. Creo que as subvencións crean unha mala imaxe do sector na poboación, a pesar de que todo o que recibe o gandeiro é unha forma de sufragar unha parte dos custes de produción e repercute en beneficios para toda a cadea do leite, incluído o consumidor. - Como ves o futuro da cooperativa? En canto á cooperativa, o futuro irá en consonancia co sector. Nalgunha ocasión consideramos a opción de transformar o noso leite, pero é unha situación complexa. É unha forte inversión e daríanos unha estabilidade e maiores posibilidades para defender o noso produto. É unha posibilidade, pero hai que poñer a mirada a longo prazo e reforzar o espírito cooperativista para facela viable. Hai un problema de relevo xeracional e iso é un problema fundamental para un proxecto deste tipo.

Iseran, un herbicida para o control das malas herbas en millo

Na campaña 2023, SIPCAM Iberia lanzou Iseran, un novo e sostible herbicida para aplicacións en pre-emerxencia e en post-emerxencia temperá das malas herbas.

Iseran posicionouse no mercado como “unha solución flexible para o cultivo de millo”, segundo destacou xa nun inicio o Product Manager de SIPCAM Iberia, Pepe Martínez. Doce meses despois do seu lanzamento, a compañía de sanidade vexetal demostrou o alto rendemento da súa nova. ferramenta.

No seu primeiro ano de uso comercial, máis de 40 agricultores leoneses puideron comprobar o pasado mes de xullo como Iseran pode converterse na clave para lograr unha campaña de éxito. Da man do equipo da compañía, comprobaron a súa efectividade no control de malas herbas durante unha demostración en campo.

Demostración en campo do funcionamento do herbicida.

“Puidemos observar que este herbicida ten unha alta eficacia fronte a dicotiledóneas (malas herbas de folla ancha) e que, combinado con outras materias activas, é capaz de reforzar a súa efectividade para o control de monocotiledóneas”, analiza a delegada de Field Marketing Patricia de Blas.

Iseran nace froito da tecnoloxía Microplus Technology ®, patentada por Sipcam-Oxon. “Está formado por Mesotriona en forma de suspensión concentrada, a cal actúa sinerxicamente coa Clomazona, que se atopa en forma de suspensión de microcápsulas”, explica o Product Manager.

Acción
O herbicida ofrece un modo de acción diferente ao resto, dada a súa composición. As dúas materias activas son absorbidas polas malas herbas, tanto polas follas como polas raíces, translocándose por toda a planta e logrando que non nazan as malas herbas ou unha necrose destas.

Con este herbicida, SIPCAM Iberia ofrece unha acción herbicida inmediata grazas á Mesotriona, mentres que as microcapsulas de Clomazona libéranse dun modo controlado, gradual e continuo. Desta forma, garántese unha eficacia máxima, así como maior persistencia de acción e selectividade para o cultivo do millo.

“Se os profesionais buscan unha estratexia para control de malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá, ata tres follas, Iseran é dos poucos produtos do mercado que cumpren con eses requisitos”

Este formulado ofrece unha dose flexible que permite controlar as principais malas herbas de folla ancha e estreita das zonas de millo. Ademais, destaca pola súa capacidade de integración en calquera estratexia herbicida e non ten limitacións do seu uso nos anos seguintes.

“Se os profesionais agrícolas buscan unha estratexia para a súa campaña 2024 coa que controlar as malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá (ata tres follas), Iseran é un dos poucos herbicidas que hai no mercado con estas características. Ademais, é un produto composto cunhas materias activas que non teñen restricións”, conclúe a delegada de Field Marketing da zona.

Acerca de SIPCAM Iberia
SIPCAM Iberia é unha empresa de I+D, márketing e comercialización de produtos fitosanitarios, bioestimulantes e nutricionais especiais, tanto químicos como biolóxicos, con vocación de liderado, que elabora solucións innovadoras de investigación e desenvolvemento agrícola, ofrece unha ampla carteira de produtos para os principais cultivos. A compañía destaca por unha liña de produtos seguros para o agricultor, o consumidor e o Medio Ambiente.

Para máis información

Gandería Gallardo SC: producir leite en intensivo coidando o medio ambiente

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos Gandería Gallardo SC é un exemplo de explotación leiteira con relevo xeracional e novas instalacións que está a sentar as bases para producir leite cumprindo coas esixencias medioambientais que desde Bruxelas se están a impoñer para o sector. Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián están á fronte desta gandería familiar situada no lugar de Outeiro, en Mazaricos. Adrián estudou en Fonteboa e incorporouse hai 4 anos á granxa familiar. Foi o momento no que decidiron construír un novo establo que lles permitise traballar máis cómodos e ter a posibilidade de seguir aumentando ao número de cabezas sen as limitacións de espazo, almacenamento de xurro e proximidade ás vivendas que tiñan até entón.
Na nave vella non había máis que anacos de galpóns e moito traballo; era facer algo novo ou abandonar
“Na nave vella, que estaba ao lado da casa, estabamos moi apertados. Non había máis que anacos de galpóns por todos os lados e moito traballo. Así que nese momento ou faciamos unha nave nova ou había que abandonar a actividade”, recoñece Francisco. Separáronse do núcleo de casas e construíron unha instalación nova con capacidade para unhas 110 cabezas e xa pensada para dobrar o número de animais. Mesmo a sala de muxido quedou dimensionada para iso, polo que unicamente terían que incorporar máis puntos de muxido sen mudar o sistema interno. “É unha sala de 16 puntos neste momento, pero ampliable a 24”, indican. En previsión, medrar A sala de muxido da granxa xa foi feita pensando na colocación de máis puntos no futuro Adrián ten un irmán máis pequeno, Samuel, que neste momento ten 12 anos. “Se el quere seguir tamén coa granxa habería que aumentar ao número de cabezas para que puidesen vivir os dous da explotación”, razoa Francisco. “Podemos dobrar a nave actual tanto para a parte de atrás como para o lado, polo que poderiamos chegar a 300 e pico vacas en produción”, explica. A intención a curto prazo non é chegar a muxir tantos animais, pero si traer para a nova nave toda a recría que teñen no establo vello, para teren deste xeito todo máis á man e máis cómodo á hora de traballar. “A nova nave xa foi feita pensando na comodidade para o día de mañá, tendo en conta a falla de man de obra”, destaca Adrián. Reunir todo o gando na mesma instalación tamén lles vai permitir ter máis controlados aos animais.
Sigo traballando de camioneiro varios días á semana; contamos con apoio familiar e o reforzo dunha persoa contratada para poder facelo
Neste momento atenden a explotación Francisco e Adrián, con axuda doutros membros da familia e o reforzo puntual dunha persoa contratada os días nos que Francisco mantén o seu outro traballo, de camioneiro, ao que adica dous ou tres días á semana. “Os domingos cubro as libranzas nun camión de recollida de leite, os luns levo vacas para os matadoiros de Bandeira e Ribadavia e algúns mércores vou con xatos ao mercado de Amio”, relata.   Produción estable con boas calidades O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería Gandería Gallardo SC móvese nestes momentos nuns 32 litros por vaca ao día de media, cun 4% de graxa e un 3,50% de proteína. A calidade hixiénica sitúase en menos de 10.000 xermes e 133.000 células somáticas. Poñen moito énfase na limpeza da sala de muxido e as camas do gando son de carbonato mesturado con serrín (70% de serrín e 30% de carbonato).   Entregan o leite que producen a Leyma desde fai 6 anos, logo dunha mala experiencia previa con Lácteos Pérez Oliveira. “Antes vendiamos o leite á queixería da Pereira, pero cando foi á quebra deixounos con 4 meses sen cobrar, fora un pau duns 50.000€ naquel momento”, lamenta Francisco. 60 ha de superficie Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas Malia teren aumentado ao número de cabezas nos últimos anos seguen mantendo a suficiencia alimentaria da explotación, grazas a iren collendo tamén fincas en paralelo. Gandería Gallardo atópase nunha zona na que hai máis explotacións leiteiras, o que fai que o terreo estea buscado. Os prezos rondan os 10-12 €/ferrado (nesta zona son de 424 m2), aínda que existe variabilidade en función das características da parcela e a súa situación nun abano que se move entre os 8 e os 15€.
A finca que temos máis lonxe está a un cuarto de hora
Dispoñen de 60 hectáreas de superficie agraria, das que botan a millo 36. “Este ano botamos tamén 3 hectáreas a veza para cumprir coa PAC”, explica Adrián. “Facemos o ensilado a finais de abril para botar o millo, se se pode, a principios de maio”, explica. Habitualmente fan un só corte de herba para ensilar, agás nas leiras nas que a herba vai moi adiantada. “Neses casos facemos un primeiro corte polo San Xosé para ter outro igual a finais de abril. Senón a herba faise moi vella e colles fibra pero ese silo non vale para dar leite”, razoa.
Normalmente procuramos ir a un corte só de herba a finais de abril para botar o millo a principios de maio
Fan fincapé na calidade dos ensilados, tanto de herba como de millo, que comparten protagonismo na súa ración. A colleita de millo deste último ano foi moi boa nesta zona, duns 10.000 kg máis por hectárea, até chegar a unha media duns 63.000 kg/ha. “Nós botamos 6 hectáreas menos de millo que na anterior campaña e recollimos moita máis cantidade”, explica Francisco. Aínda que encheron os silos, non teñen pensado reducir a superficie labrada na vindeira sementeira. “Nunca podes baixar a garda, porque non sabes como che vai vir o ano”, advirte. E pon o exemplo da Mariña de Lugo, que mantén habitualmente boas medias de produción de millo e sen embargo o último ano, debido á seca, a colleita foi moi escasa. “As ganderías de aló viñan mercar millo aquí e tamén se venderon nesta zona moitos rolos de herba para Cataluña, onde tamén houbo moita seca”, conta Francisco. Parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos e outra parte contrátanos. “Fomos investindo algo nos últimos anos en maquinaria e agora podemos facer nós máis cousas”, aclara. Mercaron, por exemplo, unha cisterna nova para sacaren o purín. É unha cisterna convencional, pero contan que non lles afecte a nova normativa de xurros que establece restricións para botalo co sistema de prato. “Nós temos case todas as fincas en pendente e de menos de 2 hectáreas”, din.

Mellora da calidade do xurro e uso de enerxías renovables

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, con sistema de prato invertido Francisco e Adrián son conscientes de que para poderen seguir producindo leite nos vindeiros anos, ademais de contar con instalacións axeitadas que favorezan o benestar animal, as explotacións van ter que cumprir cunha serie e esixencias medioambientais. E nese aspecto están convencidos de que “as ganderías familiares galegas podemos ser un exemplo de economía circular”. No seu caso, están a apostar tanto polas enerxías renovables como pola optimización na utilización do xurro producido na propia gandería, buscando reducir as emisións e a necesidade de insumos químicos. Para mellorar a calidade fertilizante do purín e reducir o seu cheiro Gandería Gallardo SC emprega a solución a base de bacterias que comercializa a empresa galega Bioprana. “Nós botamos no pozo os restos da comida e tamén o millo podre e as bacterias roen todo, queda todo líquido e dese xeito podemos botalo coa cisterna, non temos que andar botando esterco, e o purín ten máis materia orgánica tamén”, destaca Francisco.
O que gastas nestes produtos para mellorar o purín afórralo despois en fertilizante químico, porque tes que usar moitos menos abonos
A maiores, á hora de botar o xurro nas terras e pradeiras engádenlle, a través dun sistema de dosificación na propia cisterna, moléculas fixadoras do nitróxeno da marca Vizurra, que evitan o efecto lavado e a perda de nutrientes. “Aguántanche máis as pradeiras, mantéñense máis verdes e cando xea non lle ataca igual cas outras. Antes botabas o xurro e se che chovía perdías todo o que botaras. O que gastas nestes produtos afórralo despois en abono, porque tes que botar moito menos”, insiste. “Nós só usamos un pouco agora para a herba e despois para o millo, porque o millo ten que comer senón non hai produción”, asegura.
Vexo lóxico que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro
“Europa vai esixir agora este tipo de produtos mellorantes para o xurro, igual que quería facer cos inxectores, pero eu penso que usando este tipo de aditivos non serían necesarios os inxectores, porque as emisións redúcense moito. Eu vexo ben que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro, iso si. Por exemplo, sería ideal tres veces ao ano: nas pradeiras para ensilar, no momento de sementar o millo e cando levantas o millo e sementas a herba”, di. Pero iso implica “ter fosa con capacidade suficiente, algo que permite despois aforrar moitos cartos, porque doutro xeito estalo tirando seguido e cando che fai falla non o tes”, recoñece. O pozo de purín de Gandería Gallardo SC, con capacidade para case 2 millóns de litros de almacenamento de xurro, permítelles gardar o abono orgánico xerado polo gando para os momentos nos que é máis necesario, reducindo deste xeito as necesidades de fertilizantes químicos da explotación. “Temos capacidade de almacenamento para 6 meses”, destaca Francisco.
A cisterna fixo agora un ano que a mercamos; non ten inxectores pero agardamos non ter que cambiala e que nos sirva para seguir botando o xurro con ela
Hai un ano mercaron unha cisterna de 14.000 litros coa intención de botaren eles mesmos o purín. É unha cisterna convencional, sen inxectores, pero agardan poder seguir usándoa malia a entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios, por un lado dado que a maioría das súas fincas son de pequeno tamaño e teñen máis dun 10% de pendente e por outro lado porque conta cun sistema de prato invertido, que a Xunta vai autorizar como método de aplicación en Galicia. Autoprodución de enerxía Placas solares instaladas no teito da sala de muxido da explotación Outra das apostas desta gandería familiar nos últimos anos foi a instalación de paneis solares e baterías acumuladoras para autoabastecerse de enerxía eléctrica sen necesidade de estaren conectados á rede, unha decisión que tamén lles permite un aforro económico. 
Queren que botemos o gando fóra por benestar animal pero ese benestar animal acábase cando vén o lobo
Francisco e Adrián ven compatible a actividade agrogandeira co coidado do medio ambiente e a biodiversidade pero consideran necesario un control da fauna salvaxe. A carón da granxa dispoñen dunha carballeira á beira do río de case dúas hectáreas polo que, di Francisco, “se non fora polo lobo, no verán podiamos ter as vacas secas e as xovencas fóra porque teñen sombra e auga dispoñible”. “Desde Europa queren que botemos o gando fóra e cando veñen os de benestar animal facer as auditorías dinnos que iso puntúa moitísimo, pero o benestar animal haino mentres non vén o lobo”, razoa.
https://www.campogalego.gal/granxas-desconectadas-da-rede-electrica-unha-opcion-para-non-depender-do-prezo-da-luz/

Campaña a favor do consumo de lácteos españois

A Organización Interprofesional Láctea (InLac) presentou a lema do seu novo anuncio de TV: 'Te lo Agradece'. Esta campaña apela ao consumo de alimentos de Orixe España e busca concienciar aos consumidores que, co seu poder de compra, teñen a chave para fomentar o relevo xeracional, garantir a viabilidade do sector lácteo e o futuro rural. Segundo indican, España importa moitos máis lácteos dos que exporta, cun saldo comercial negativo superior aos 1.065 millóns de euros en 2023. En concreto, España importou lácteos o pasado ano por valor de máis de 2.727,5 millóns de euros. Segundo detallou Daniel Ferreiro, presidente de InLac, "avogamos por que os consumidores opten por lácteos de Orixe España e se fixen na etiqueta. Porque a orixe si importa. Debe recoñecerse o valor que hai detrás de cada vaso de leite, iogur ou anaco de queixo". "Ao apoiar ao noso sector produtor e transformador elixindo lácteos españois, non só estamos por preservar a nosa cultura e identidade gastronómica, senón que, ademais, apoiamos a economía das zonas rurais", especifica Ferreiro. A campaña 'Te lo Agradece' convida os consumidores a apreciar os beneficios que teñen os lácteos e que estes sexan de orixe española. A directora xerente de InLac, Nuria María Arribas, destaca que 'se adquirimos alimentos lácteos de Orixe España, melloramos a calidade de vida de gandeiros e gandeiras, favorecemos que cooperativas e fabricantes poidan continuar a súa actividade, fomentamos o relevo xeracional e loitamos contra o despoboamento e o avance da España Baleirada".
Dende InLac fomentan o consumo de tres lácteos ao día e lembran que son alimentos situados na base da pirámide nutricional
A campaña ten unha forte presenza na televisión con anuncios de diferentes duracións, ademais de microespacios en radio e amplo despregamento de pezas en puntos de venda. "Unha campaña potente, que pretende superar os 250 millóns de contactos e que se realizará na súa primeira onda entre abril e maio, alcanzando unha cobertura do 88,5 %", indican desde InLac. 3 racións de lácteos ao día Tomar unha media de 3 lácteos ao día, é a mensaxe que promove desde hai anos InLac e que, segundo indican, está avalado por diferentes investigacións científicas de máximo rigor e obxectividade. Engaden que os lácteos "son alimentos situados na base da pirámide nutricional que formaron parte das nosas saudables dietas mediterránea e atlántica, nun país que figura entre os máis lonxevos do mundo e con mellor esperanza de vida a nivel global". Como dato preocupante, indican que máis do 60 % do calcio da dieta española procede do consumo de leite e os lácteos, pero unha parte dos españois están a abandonar o seu consumo, influenciados por modas alimentarias pouco rigorosas cientificamente en favor doutros produtos que non contan cos mesmos beneficios. As evidencias saudables derivadas do consumo habitual de alimentos lácteos contan co respaldo da Fundación Española da Nutrición (FEN), a Fundación Iberoamericana de Nutrición (Finut) ou a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad), entre outros organismos.

O Ministerio realiza un novo pago da axuda extraordinaria aos sectores gandeiros

O Ministerio de Agricultura publicou unha terceira listaxe dos beneficiarios da axuda extraordinaria para compensar a situación de dificultades como consecuencia da seca e da guerra de Ucraína. Son un total de 1.411 titulares de explotacións produtores de carne de vacún, ovino e caprino e produtores de leite de vaca, ovella e cabra os que se beneficiarán do pago desta axuda, por un importe total de 9,1 millóns de euros.

O pago súmase aos xa realizados nos meses de outubro e novembro de 2023, que totalizan un importe abonado de 352 millóns de euros, repartidos entre 73.369 gandeiros beneficiarios. Isto representa un 99 % sobre o orzamento total inicial de 355 millóns de euros.

No caso de Galicia, este novo pago beneficia a 228 gandeiros e gandeiras, que recibiron un total de 197.351 euros. En canto aos totais dos importes pagos e do número de explotacións gandeiros que se beneficiaron da axuda até o momento son 12.534 galegos e galegas con 10.180.810 euros.

A relación dos titulares das explotacións gandeiras beneficiarios, o número de cabezas de gando computadas e o importe da axuda a percibir está dispoñible para a súa consulta na sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

A identificación electrónica en bovinos pasará a ser obrigatoria para animais nacidos a partir do 30 de xuño de 2025

A identificación electrónica pasará a ser obrigatoria para animais nacidos a partir do 30 de xuño de 2025 O Ministerio de Agricultura abre procedemento de consulta pública da modificación do Real Decreto 787/2023 que regula o sistema de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais terrestres en catividade, para dar cabida ás medidas de flexibilización comprometidas polo Goberno coas organizacións agrarias nesta materia. Entre as 43 medidas deseñadas polo Goberno para mellorar a situación de agricultores e gandeiros, e recollidas no documento que a semana pasada asinou o ministro Luis Planas coa Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA) e con Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros, inclúense algunhas determinacións sobre as obrigas dos titulares das explotacións de gando.
A consulta pública estará aberta ata o próximo 6 de maio na páxina web do Ministerio
Unha destas medidas é o aprazamento da obriga da identificación electrónica de bovinos, que motiva a modificación do mencionado real decreto. Deste xeito, a identificación electrónica en gando bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano, pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Igualmente, modifícase o calendario de aplicación da normativa sobre o veterinario de explotación. A obriga de nomear a un facultativo como responsable en granxas de 5 ou máis UGM antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025.
A designación de veterinario de explotación e a identificación electrónica de animais atrásase un ano
Como consecuencia deste aprazamento, prorrógase tamén durante un ano a esixencia de contar cun Plan Sanitario Integral, que deberá ser redactado polo veterinario de explotación. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos na explotación.   https://www.campogalego.gal/principais-cambios-trala-flexibilizacion-das-normas-para-granxas-de-vacun/

A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

As máquinas comezan a rumbar estes días por toda Galicia. A chegada do bo tempo, logo da inestabilidade vivida nas últimas semanas, está a lanzar ás explotacións agrogandeiras, ás empresas de servizos e aos parques de maquinaria das cooperativas de cheo á campaña de ensilado de herba. Cun par de semanas de atraso con respecto a outros anos nalgunhas zonas, o corte da herba dará paso á preparación das terras para labrar o millo, que de momento iría no seu tempo. A previsión meteorolóxica fala de estabilidade para a vindeira semana, o que axudaría a axilizar os traballos e non acumular máis demoras. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a estender como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, mesmo en zonas de costa, como aconteceu o ano pasado na Mariña de Lugo, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
Cada vez máis explotacións apostan por facer un único corte de herba con leguminosas e adiantar a sementeira do millo
Cada vez máis as explotacións leiteiras que sementan millo están a apostar por facer un único corte de herba no mes de abril. Por un lado porque reduce o risco que supón ter que ensilar un primeiro corte en febreiro ou marzo en anos nos que a climatoloxía non axuda, coma este, e tamén porque deste xeito se reducen á metade os custos de ensilado. A introdución de leguminosas nas mesturas, unha práctica fomentada desde Bruxelas a través da PAC, leva tamén en moitos casos a facer un só corte, xa que vezas, chícharos ou trevos non medran en condicións de humidade e baixas temperaturas e necesitan, polo tanto, a chegada do bo tempo para desenvolverse. As mesturas gañan peso fronte ás pradeiras monofitas Debido ao seu aporte en proteína na ración e aos seus beneficios agronómicos, as especies mellorantes estanse a abrir camiño nos últimos anos, ben en mesturas con gramíneas ou cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.
As especies mellorantes estanse a abrir camiño impulsadas pola PAC
O monocultivo de raigrás, habitual nas pradeiras galegas anos atrás, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto a trevos e outras leguminosas (chícharos, vezas) como a brassicas como os nabos. A entrada en vigor o ano pasado na PAC das esixencias de rotación de cultivos e as primas por introdución de especies mellorantes motivou cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual, o que provocou que houbera escaseza de semente e que esta se encarecera.

"A tendencia cada vez máis é ir a un só corte e nós apostamos por mesturas de cereal con leguminosa"

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado O peso do silo de herba na ración varía dunhas ganderías a outras, en función das distintas estratexias nutricionais seguidas e tamén da maior ou menor dispoñibilidade doutros ingredientes. Por iso, na zona da Mariña a campaña de ensilado da herba terá máis importancia este ano, debido á escasa colleita de millo lograda no pasado outono, o que obrigou mesmo a importar doutras zonas para cubrir as necesidades das explotacións e do CAVI de Irmandiños, o centro de mestura húmida que CLUN ten no municipio de Barreiros. A cooperativa leva anos apostando por sementar en inverno mesturas de cereal con leguminosa nas terras que xestiona directamente e que traballa co seu parque de maquinaria. "Este ano aumentamos un pouco e botamos unhas 220 hectáreas, todo con estas mesturas nas que predominan as leguminosas, cun 51% de semente de chícharo e veza e despois avea ou triticale", explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos na zona.  A abundancia de choivas até agora ralentizou o crecemento das leguminosas, polo que houbo que agardar para que este tipo de pradeiras puidesen chegar ás máximas producións e calidades, sobre todo en canto a nivel de proteína no silo. "A produción sitúase de media entre 15 e 16 toneladas de materia verde por hectárea e en canto a proteína, pasamos normalmente do 16%, movéndonos entre o 16 e o 18%", detalla José Ramón. 
Moitas explotacións da comarca necesitan unha boa colleita de herba para suplir a escaseza de silo de millo
Aínda que para o CAVI nas fincas de xestión directa só botaron cereal con leguminosa, o parque de maquinaria de Irmandiños tamén labrou en outono pradeiras de raigrás en parcelas de socios da cooperativa, en ocasións mesturado con veza e trevo para cumprir cos condicionantes da PAC.  "Hai xente que fai dous cortes porque necesita máis forraxe, aínda que a tendencia cada vez máis é ir a un corte só, tamén no raigrás con trevo ou veza, para non retrasar a sementeira do millo. Nunha pradeira en raigrás podes estar en 10-11 toneladas por corte, polo que con dous cortes lograrías 20-22 toneladas e máis ou menos a mesma proteína que no cereal con leguminosa. O que gañas é máis quilos e outra diferenza con respecto ás nosas mesturas é que o raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos", indica o responsable de maquinaria e cultivos de Irmandiños. 
O raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos que o cereal
Máis cara ao interior, na zona da Terra Chá, o raigrás segue a ser maioritario pero o encharcamento que viven aínda moitas fincas en concellos como Cospeito non permiten polo momento entrar coa maquinaria para segalo e ensilalo. O mesmo acontece en moitas parcelas da Pastoriza e tamén nalgunhas das principais zonas leiteiras da provincia da Coruña, pero a previsión meteorolóxica para os vindeiros días fala de altas temperaturas e algo de vento, o que axudará a enxugar o terreo. Irmandiños comezou a ensilar a semana pasada (entre o xoves e o venres segaron e picaron 100 ha) e esta semana teñen tres máquinas traballando. "Xa metemos 80 hectáreas para o CAVI e o groso prevemos ensilalo a semana que vén", explican. Despois comezaría xa a preparación das terras para labrar o millo. Prevén botar en total nesta campaña entre 1.200 e 1.300 hectáreas, contando as 350 que labran para o CAVI e as que sementan para os socios, o que supón un lixeiro aumento con respecto á campaña pasada.  José Ramón insiste na necesidade de adiantar todo o que se poida a sementeira debido ao cambio nas condicións climatolóxicas, mesmo en zonas como A Mariña nas que as precipitacións non eran até o de agora un factor tan limitante. "O ano pasado foi terrible, o que se labrou cedo aínda se foi librando, pero no que se botou despois a colleita foi moi escasa", lembra. 

“Hai que deixar secar un pouco as fincas antes de meterse, senón levas moita terra para o silo”

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas de Xallas e A Barcala, que contan con planta de alimentación en conxunto para o gando en Mazaricos, recomenda empezar o ensilado polas fincas máis enxoitas para permitir que as máis molladas vaian secando logo das chuvias das últimas semanas e permitan entrar coa maquinaria. “Nós empezamos este venres á tarde cortando as fincas máis secas e que están a pradeira permanente e despois continuaremos polas que están a rotación con millo, que hai que deixar secar un pouco antes de meterse porque senón levas moita terra para o silo e iso complica o ensilado”, recoñece. Ademais, o paso da maquinaria cando o chan mantén aínda moita humidade acaba facendo moitas rodeiras, algo que é contraproducente desde o punto de vista agronómico. “As que están a pradeira permanente non interesa estropealas e nas que van ir a millo esa compactación do chan tampouco convén”, afirma.
Ganxabar ensila sempre a herba tras dous días de presecado
O corte actual, que é o segundo, “vai no seu momento”, afirman, polo que “se se fai un bo presecado a calidade do silo vai ser boa”. Acostuman ter a herba tirada 2 días, o mesmo que farán desta volta. “Cortamos o venres e empezaremos a meter o domingo”, explican.   Se a climatoloxía axuda, na pradeira permanente farán aínda dous cortes máis, un a mediados de maio e outro a finais de xuño. Fixeron xa un primeiro corte de limpeza que ensilaron en febreiro, e despois aproveitaron uns cantos días que viñeron de bo tempo para abonar, fai agora xusto 40 días.   “O corte que imos facer agora está abonado de fai 40 días, como despois veu frio non houbo temperatura para que a herba disparara, polo que nin está pasada nin se deitou coa auga dos últimos días”, aseguran.
A herba vai no seu tempo; a calidade do silo vai ser boa
Nas instalacións do centro de forraxes, Granxabar ensilará este ano unhas 600 hectáreas de herba, sumando a pradeira permanente e as mesturas de raigrás con leguminosas (tanto trevos como veza), que empezarán a segar a partir do día 15. A maiores, os socios de Ganxabar sementaron outras 100 hectáreas de cultivos mellorantes para abonado en verde, que a partir da próxima semana empezarán tamén xa a triturar para despois incorporar á terra, coa idea de empezar xa a labrar o millo nas vindeiras semanas. “As fincas que se poida vanse botar xa este mes a millo. Zonas como Landeira levarán un ciclo 600 e despois a maioría irán con ciclos entre 450 e 500”, explica Jesús.

“A herba está bastante retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura”

Pradeira para ensilar na zona de Chantada O parque de maquinaria da cooperativa Aira, un dos máis importantes de Galicia, ensila na comarca de Chantada tres veces máis herba que millo. Jorge Meiriño é técnico da cooperativa na zona e explica que a campaña vai este ano cuns 15 días de retraso con respecto ás datas habituais. “Estamos aínda empezando a ensilar cando outros anos xa levabamos un par de semanas cortando. Por agora non vai adiantada a herba, está retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura nas últimas semanas”, di.
Non se deron feito nin sequera os primeiros cortes de principios de marzo, non o permitiu a climatoloxía
Ao non estar aínda a forraxe para segar, as precipitacións caídas en marzo non lle fixeron mal nin van prexudicar a calidade dos ensilados. “A herba que ten moita folla calquera auga a deita pero despois recupérase rápido. O problema dáse só cando está encañada, antes de espigar, que se a tira xa non se levanta”, aclara Jorge.
Este ano empregáronse máis trevos anuais para cumprir coa PAC
No sur de Lugo o máis habitual é facer un só corte de ensilado. “Aquí a practica de dous cortes de herba e despois millo apenas se fai, as xeadas afectan ao crecemento da forraxe no inverno e despois xa non dá tempo a facer dous cortes, porque se agardas polo segundo sementarías o millo moi tarde e nesta zona non convén porque despois aféctalle a seca no verán. Aquí case todo o mundo vai xa a un corte só, agás a xente que non sementa millo, que adianta o primeiro corte e fai dous”, explica o técnico de Aira. A cooperativa fixo este ano tres mesturas diferentes para os seus socios para cumprir coa PAC no 10% das parcelas nas que era necesario sementar especies mellorantes. Unha das opcións consistía en veza (70%) e avea (30%); outra era unha fórmula cun 45% de raigrás e un 55% de trevo encarnado e veza; e a terceira levaba 20 kg/ha de trevo violeta e 15 kg/ha de raigrás italiano.

Principais cambios trala flexibilización das normas para granxas de vacún

As protestas de agricultores e gandeiros levaron tanto á Comisión Europea como aos Gobernos da maioría de países a reaccionar. En España, o Ministerio de Agricultura anunciou un paquete de 43 medidas que contan co beneplácito de organizacións agrarias como UPA ou Unión de Unións, pero que son consideradas insuficientes por COAG e Asaja. Algúns dos cambios máis destacados afectan ás granxas de vacún, modificando as últimas normativas aprobadas, ben nos prazos da súa entrada en vigor ou nos requisitos esixidos, flexibilizando deste xeito a súa aplicación. Repasamos a continuación os principais cambios tanto para ganderías de leite como de carne: O veterinario de explotación atrásase un ano Unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata. É a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM. A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025, “co obxectivo de proporcionar máis tempo aos titulares das explotacións para adaptarse á normativa”, argumenta o Ministerio.
A designación dun facultativo de referencia será obrigatoria a partir do 1 de xuño de 2025 e desde o 1 de xullo do 2025 levarase a cabo a identificación electrónica dos animais nados na granxa
Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM. Modificarase tamén o Real Decreto 787/2023 aprazando un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Plan de Benestar Animal a partir de 2027 Outro dos cambios afecta a aspectos relativos á normativa de benestar animal incluídos no Real Decreto 1053/2022 de Ordenación de Granxas Bovinas. O Plan de Benestar Animal, esixible a todas as explotacións de vacún, aplicarase a partir de 2027 en todos os casos, eliminando a súa entrada en vigor con anterioridade no caso das granxas de nova creación (que estaba previsto para 2026) e nas xa existentes de maior tamaño (o 1 de xaneiro de 2025 nas de máis de 180 UGM).
O Ministerio regulará as características que deberán ter os patios exteriores ao que deberán ter acceso os animais estabulados
Durante este impasse de tempo, o Ministerio procederá a clarificar diversos aspectos da normativa, relativos á mobilidade dos animais entre as explotacións e o acceso a un ambiente exterior, xa que en lugares con climatoloxía adversa como Galicia a viabilidade destes patios exteriores fora posta en dúbida polos representantes do sector.  En canto ás explotacións que realizan pastoreo cos seus animais, o Goberno comprométese á posta en marcha dun Foro de gandería extensiva, no que participarán tamén as organizacións agrarias e as comunidades autónomas co obxectivo de que as súas conclusións sirvan para reorientar a lexislación aplicable e propoñer medidas para garantir a continuidade e rendibilidade das granxas facendo fronte a desafíos sanitarios como a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica. O MAPA avanza, neste sentido, que participará no financiamento dos gastos sanitarios que se deriven do tratamento da EHE por parte das explotacións. Caderno dixital voluntario e incentivado Como xa anunciara o Ministerio, a posta en marcha do caderno dixital, prevista para o mes de setembro deste ano en explotacións de máis de 30 ha declaradas na PAC, terá carácter voluntario. Concederanse axudas tanto á creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, así como á formación e intercambio de coñecementos, de modo que estes servizos sexan gratuítos para os produtores. Do mesmo xeito, o Ministerio reitera, ainda que sen concretalos, que concederá incentivos directos aos agricultores e gandeiros que utilicen o caderno dixital de maneira voluntaria, simplificando ademais o contido e información que se deberá envorcar nel. Máis tempo para enterrar o esterco nas fincas En relación ao Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, o Ministerio ofrece “flexibilizar as condicións de apilamiento de estercos na explotación e a ampliación do prazo para a aplicación no solo mediante enterramento”, fixado actualmente na normativa nas 12 horas posteriores, aínda que sen aclarar un novo prazo. Para a aplicación de xurros, tamén se propón “flexibilizar os requisitos en determinadas zonas onde non é posible o uso de medios de aplicación mellorados”, o que abre a porta para permitir a utilización de cisternas convencionais en fincas de pequeno tamaño e a autorizar como alternativa a inxectores e tubos colgantes outros sistemas como o prato invertido.
A obrigatoriedade de contar con plans de abonado e analíticas de chans atrásase a setembro de 2025
En canto aos prazos establecidos na normativa para que as explotacións de máis de 10 ha de superficie se doten de plans de abonado, nos que se realice unha estimación dos nutrientes necesarios en cada parcela, atrásase un ano esta obriga, de modo que queda establecida a partir de setembro deste ano para granxas situadas en zonas vulnerables a nitratos e a partir de setembro de 2025 no resto dos casos. Tal como está recollido na normativa, o plan de abonado deberá contar con análise de chan de cada parcela así como con analíticas sobre a composición dos abonos orgánicos que se apliquen. Tamén se apraza un ano a necesidade de contar con asesoramento técnico, de forma que as explotacións situadas en zonas non vulnerables deberán contar cun asesor en fertilización (ou no seu caso cunha aplicación informática validada oficialmente) a partir do 1 de setembro de 2026.

Marcha atrás na condicionalidade reforzada e modificación dos ecorreximes da PAC

Poderase sementar durante tres anos millo na mesma finca e no cuarto rotar con pradeira Outro dos bloques principais nos que o Ministerio actuará para satisfacer as demandas dos produtores será na aplicación da PAC, mediante diversas modificacións do Plan Estratéxico español (PEPAC). Estes cambios tocan algúns dos aspectos clave introducidos para o novo período 2023-2027, como son o cumprimento da condicionalidade reforzada para o dereito a cobro das axudas, da que se exime ás granxas de menos de 10 ha e suavízase para o resto de explotacións, ou os incentivos establecidos mediante prácticas beneficiosas para o medio ambiente (ecorreximes), cuxos requisitos se volven tamén menos esixentes.
Da exención da condicionalidade reforzada nas explotacións de menos de 10 hectáreas beneficiaranse 345.000 produtores, máis da metade do total de perceptores da PAC en España
Algúns destes cambios (como as excepcións establecidas á cobertura mínima do chan en terras de cultivo, a eliminación da obrigatoriedade de manter un 4% de superficie como non produtiva ou os cambios nas rotacións de cultivos esixidas) teñen efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que se aplicarán xa á actual campaña de solicitude da PAC deste ano, que xa está en marcha. Rotación de cultivos O cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.
Non será necesario deixar un 4% da superficie sen cultivar para poder cobrar a PAC
No caso de que a explotación opte pola rotación, o ano de referencia para comezar a computar será 2023 no canto de 2021, de modo que unha granxa poderá sementar unicamente millo na mesma finca en 2023, 2024 e 2025 sempre que rote en 2026. Así mesmo, admitirase o uso dun cultivo secundario dentro do mesmo ano (por exemplo unha rotación intraanual millo-herba) para cumprir nunha campaña co requisito de rotación sen que a explotación tivese que facer uso deste cultivo secundario nas dúas campañas anteriores, tal como se establecía até o de agora.
A obriga de rotación de cultivos iguálase ás condicións do pago verde anterior
En canto aos ecorreximes, a porcentaxe de elementos non produtivos necesarios para o cobro do ecorrexime de illas de biodiversidade redúcese do 7% ao 4% da superficie de pastos a explotación. Do mesmo xeito, para cumprir cos requisitos fixados no ecorrexime de sega sostible, o gandeiro poderá decidir o período de 2 meses no que non realizará a sega e non se limitará o número de cortes fóra dese período. Unha única inspección anual por granxa O Ministerio propoñerá á Comisión Europea que se elimine a obriga de que os agricultores tomen fotos xeorreferenciadas das distintas parcelas para demostrar o estado dos seus cultivos, polo que cando a Administración responsable (no caso de Galicia o FOGGA) requira estas fotos para realizar un control, o seu envío será voluntario, e en caso de negarse o agricultor a realizar esta tarefa, a Administración deberá realizar o control por outros medios. Cando haxa indicios de incumprimento, descontarase a parcela obxecto da incidencia, sen que se apliquen penalizacións.
Os titulares das explotacións non estarán obrigados a enviar fotos xeorreferenciadas das parcelas para demostrar os cultivos existentes
De igual forma, preténdese que as comunidades autónomas acaden o compromiso de coordinar aos seus servizos de inspección de maneira que se unifiquen todos os controis a realizar nunha explotación nunha única visita que concentre os distintos aspectos a comprobar, con independencia do tipo de control e a normativa de aplicación. A nivel fiscal, os ecorreximes manterán a súa exención de tributación ata 2027 e ampliarase de 20.000 a 25.000 euros o límite para o cobro de axudas de minimis para agricultura e gandería tanto a nivel de subvencións convocadas a nivel estatal como de comunidades autónomas ou outras administracións.

Catro mozas e dous mozos gandeiros galegos, seleccionados para o ‘The Young Breeders School’, en Bélxica

Os concursos de Xóvenes Preparadores e Manexadores do Concurso Autonómico 2024 (Santa Comba) e da Moexmu (Cospeito) foron clave para a selección dos mozos e mozas galegas que asistirán a The Young Breeders School (YBS), en Bélxica, que é o evento de referencia en Europa en preparación e manexo do gando. O Club de Xóvenes Gandeiros, en colaboración coa Federación da Raza Frisona (Fefriga), levou a cabo catro concursos, patrocinados por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nos que os xuíces designados polas organizacións e autorizados pola Confederación Nacional de Frisona Española (CONAFE) nomearon campións, subcampións e outras clasificacións para os participantes. Clasificados durante os catro concursos rexionais de preparadores e manexadores Tras a celebración dos catro primeiros concursos e avaliar os resultados, a directiva de Fefriga e do Club de Xóvenes Gandeiros decidiu conceder as seis prazas para participar na YBS a: María Otero, Andrea Otero, Lorena Iglesias, Xabier Montes, Simón Blanco e Alba López. A clasificación de Claudia, Aldara e Brais foi invalidada para a asignación de prazas da YBS debido á normativa de idade establecida polo regulamento da YBS. Segundo as regras establecidas, só poden asistir participantes que estén entre os 13 e os 25 anos no momento da celebración do evento. Dende o Club de Xóvenes Gandeiros e da Federación Frisona Galega consideran que estes certames, patrocinados por CLUN, foron un éxito e confían en que o equipo que representará a Galicia na YBS está ben preparado e capacitado para realizar as tarefas requiridas na escola europea. Así, nas vindeiras datas designarase ao responsable do equipo e realizaranse distintas accións de traballo co equipo para preparar o certame europeo. Finalmente, as directivas animan a todos os mozos a participar en Feiradeza (Lalín) os días 7, 8 e 9 de xuño, que será o último concurso que puntuará.