Category Archives: Carne

Vacún de carne: Advirten de importantes atrasos nos matadoiros e de que as ganderías aínda non cobraron a axuda de 200 euros por becerro

Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana. Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias. Dende o SLG solicitan á Conselleria do Medio Rural que “aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación”. “Tamén hai rumores -engaden- de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a Xunta se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes”. Segundo o Sindicato Labrego, as gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, “de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar”. Así, explican que “até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31”. Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, o Sindicato Labrego tamén asegura que “no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa”. Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural “que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses”.

As IXP Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia promociónase no Salón Gourmets

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego continúan coa promoción da carne certificada nas feiras gastronómicas máis destacadas do calendario nacional. Tras asistir a Alimentaria, en Barcelona, esta semana participaron no 37º Salón Gourmets, celebrado en Madrid entre o luns e o xoves. Un percorrido culinario entre pezas singulares, como a tapa da pa ou a bavette, e outras máis afamadas, como o lombo, foi o argumento das tres masterclass ofrecidas polo Consello Regulador ante o público profesional; nas que se expuxeron as diferenzas entre a carne de tenreira e a do vacún maior. Co chef do Grupo Nove, Javier R. Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña) como xefe de cociña, a primeira parada desta viaxe gastronómica permitiu desbotar a idea de que existen pezas de primeira e de segunda categoría. Serviu un tartar elaborado coa tapa, no canto do solombo como é habitual, demostrando que outros cortes brindan resultados culinarios á altura dos máis coñecidos, mesmo en preparacións en cru. A carne elixida foi ‘Ternera Gallega Suprema’, aquela que se distingue por que procede de ganderías tradicionais, con vacas nai, nas que os tenreiros se alimentan do leite materno como mínimo durante 7 meses. Así o explicou o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, que incidiu en que a maneira de recoñecer este produto certificado é gracias ás súas etiquetas de cor rosa. Tamén desta categoría comercial, “Taky” escolleu o redondo para presentar en láminas con salsa tártara, evocando a tradicional receita italiana do vitello tonnato. Á cociña internacional fixo igualmente referencia outro dos pratos ofrecidos nestas masterclass: un taco mexicano estilo pibil, para o que se empregou a agulla.

Diversos cortes á grella

No estilo de cociñado por excelencia da carne, á grella, combináronse varias pezas de tenreira e de vacún maior, amosando os seus diferentes matices mediante unha elaboración sen artificios. De ‘Ternera Gallega Suprema Ecolóxica’, que conta coa dobre certificación da IXP e do CRAEGA, presentouse a bavette e a tapa da pa. A primeira, aínda pouco coñecida na cociña española, é moi habitual en Francia e destaca pola súa moleza e sabor. Tamén o fai a tapa da pa, que normalmente se utiliza para guisos, pero que coa axeitada preparación resulta ideal para a prancha. No caso do vacún maior, “Taky” serviu cortes clásicos, coma o lombo baixo de ‘Vaca Galega’ e o lombo alto de ‘Boi Galego’, ambos da categoría “Selección”, o que significa que se trata dunha carne con altas cualidades organolépticas, como a graxa amarela de cobertura e a infiltración. Os diferentes pratos deste percorrido gastronómico mesturáronse con consellos e técnicas de cociña para sacar o máximo proveito da versatilidade que ofrece o vacún galego certificado. Ao mesmo tempo, o director de Promoción explicou o traballo das ganderías inscritas, o tipo de razas e animais amparados, a súa alimentación e o sistema de control e rastrexabilidade das IXP. Destacou a relevancia das producións vinculadas aos selos de calidade, como garante do futuro socioeconómico e medioambiental do campo.

Divulgación e promoción comercial

Desde o stand da Consellería do Medio Rural, ademais de realizar estas masterclass, o Consello Regulador atendeu as necesidades de información dos visitantes, profesionais cárnicos procedentes de toda España e de países como Francia ou Italia. Asistir a feiras como o Salón Gourmets, cita de referencia para os produtos delicatessen, permite presentar as características diferenciais da carne certificada ante diversos públicos, tanto da restauración e da hostalaría coma da divulgación gastronómica, co obxectivo de incrementar as oportunidades comerciais das industrias inscritas.

Acruga poxa este sábado na Fonsagrada catro xovencas preñadas

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega segue adiante co seu calendario de poxas e trasládase este sábado a Fonsagrada para celebrar a súa tradicional poxa de xovencas no mercado gandeiro. A partir das doce da mañá, poderanse á venda catro touras preñadas de entre 25 e 26 meses, preñadas duns 6 ou 7 meses, todas elas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Os interesados en tomar parte nesta poxa, poderán retirar o seu cartón acreditativo, desde unha hora antes da poxa, e os que decidan poxar por un destes exemplares, contarán coa axuda á compra de 200 euros por animal, por parte da Caixa Rural Galega. Como é habitual cos exemplares que levan ás distintas poxas organizadas por Acruga, os animais do centro de recría chegan aos distintos recintos gandeiros acreditados pola súa alta calidade xenética, que no caso dos animais que se poderán ver na Fonsagrada, presentan unha xenealoxía touros tan coñecidos polos criadores lucenses como Rufino, Vitolo ou Quijano. Estes animais, aínda que pasaron o tempo de recría na Granxa Gayoso castro, proceden de explotacións de Castro de Rei, Vilalba, Láncara e Pol. Precisamente, un destes concellos, o de Láncara, será o escenario da próxima gran cita de Acruga, a da Festa da Tenreira Galega, o próximo 1 de maio, un dos eventos máis importantes en canto á exaltación da carne de calidade, na que Acruga estará presente cunha exposición dos mellores exemplares da Raza Rubia Galega. Este ano, por primeira vez, completará a súa participación coa poxa de exemplares, respondendo así á chamada do propio Concello de Láncara e á demanda de exemplares de Raza Rubia Galega por parte dos criadores.

Os prezos do mercado de Amio mantéñense estables

Os prezos do gando que concorreu hoxe ao recinto feiral do Mercado de Amio se matienen igual á sesión anterior. En canto á asistencia de gando, na sesión de hoxe pasaron polo recinto 1.680 reses, 389 máis que á do 17 de abril. En detalle, asistiron 1.459 cabezas de vacún menor (399 máis que na sesión anterior); 60 de vacún mediano (-10) e 161 de vacún grande (igual que o pasado mércores). Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron subir 0,02 euros os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información - Táboa completa dos prezos de Amio (24-IV-2024)

Baixada de prezos nos becerros carniceiros en Silleda

Na xornada de hoxe, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca (Silleda) rexistrou unha baixada de prezos nos becerros carniceiros, mentres que no vacún maior hai suba en case todas as categorías. En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 782 animais, dos cales 730 foron adxudicados; cifras moi inferiores ás da pasada semana, que superaron os 1.000 animais. Desde a organización indican que con motivo do festivo do 1 de maio, o martes 30 de abril suspéndese a poxa de becerros de recría e só se celebra a de cebados e vacas. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 149 euros (+19 euros respecto da pasada semana); os de 21 a 50 días a 170 euros (+11 euros) e os de máis de 50 días a 211 euros (+2 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 337 euros e baixaron 47 euros con respecto á xornada anterior; os de 21 a 50 días chegaron aos 442 euros e subiron 21 euros o seu valor medio e os máis adultos incrementaron o seu valor en 97 euros, ata alcanzar un prezo medio de 649 euros. Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 762 euros, é dicir 67 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais, diminuíron o seu valor en 8 euros, ata quedar en 1.041 euros. Mentres, as femias incrementaron en 58 euros e quedaron nun valor medio de 1.003 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.191 euros de media os machos (-94euros) e a 1.026 euros as femias (-32 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor 140 euros até conseguir un prezo de referencia de 1.075 euros. No vacún maior houbo subida en case todas as categorías, fóra dos animais extra, que baixaron 89 euros o seu valor medio e quedaron nos 2.263. Os animais da categoría primeira subiron 26 euros e alcanzaron os 1.171 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda subiron 60 euros, até os 810 euros. Por último, nesta xornada non se vendeu vacún de desfeito. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 77 euros, con respecto da semana pasada, e pasan a cotizarse de media a 2.645 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 1 euro. O mercado do ovo presenta baixadas do 0,02 e 0,04 con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,31 euros e nos da M e a S a baixada é de 0,04 e quedan nun valor medio de 2,13 e 1,82 euros, respectivamente. O prezo do coello tamén baixou 0,10 e está nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga o sábado 11 en Cervantes

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado A localidade de San Román, en Cervantes, celebra o segundo sábado do mes de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo. A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo. Acudirán á cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas. O prazo de inscrición para participar segue aberto até o día 5 de maio nos teléfonos 636280102 e 690265895 e haberá axudas ao transporte dos animais e importantes premios para os mellores exemplares tanto de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León.
Daranse axudas para o transporte aos produtores que acudan co seu gando e importantes premios aos mellores exemplares
O programa inclúe ademais da feira de gando, poxa de xovencas de ACRUGA, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exhibición en vivo dun ferreiro. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada. Venda de animais para vida A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.
A poxa de xovencas de Acruga comezará ás 12 do mediodía 
O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro baixos.  Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira. A que terá lugar este ano o día 11 de maio foi recuperada no 2019 con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.

Festa do Porco Celta en Friol o sábado 4 de maio

Este luns tivo lugar a presentación oficial na casa consistorial da sexta edición da festa, que será o sábado 4 de maio. A presentación estivo presidida polo Alcalde, José A. Santos, acompañado de membros do seu Equipo de Goberno, do director técnico de Asoporcel de ASOPORCEL (Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta) , e de varios criadores do municipio friolés, e parte da organización da citada festa. Os organizadores son Antonio Díaz, Manolito Roimil, Óscar Santos, Javier Serén e MVMC Carballo. Colaboran Tres Fuciños, Restaurante Roimil e MVMC Carballo. Patrocinan Concello de Friol e ASOPORCEL. Esta nova edición da Festa do Porco Celta levarase a cabo o primeiro sábado de maio, no pavillón municipal de Friol. Haberá campionato de tute que dará comezo ás 16:00 h. Ás 20:00 h realizarase unha exposición e venda de produtos de Porco Celta. Ás 20:30 h levarase a cabo unha demostración de corte de xamón realizada por cortador profesional. Haberá tamén un picoteo de benvida ás 21:30 h. Pasando xa á cea ás 22:00 h, con caldo de ósos e cocido de Porco Celta seguindo con baile amenizado por música en directo. Para poder participar no campionato de tute, que estará reservado a persoas que participen na cea, haberá que inscribirse con antelación e custará 30€ por parella. O prezo da cea é de 25€ por persoa, tendo que recoller os tickets cos membros da organización, con data límite o domingo 28 de abril. Reservarase mesa para grupos numerosos que a soliciten.

“Os becerros de menos peso son os que están sufrindo máis a baixada de prezo”

A caída de prezos na Ternera Gallega Suprema foi de 60 céntimos desde o mes de decembro As ganderías de vacún de carne en extensivo están a pasar de novo momentos delicados. O prezo dos xatos caeu con forza nos meses de decembro e xaneiro e desde entón acumula unha baixada de entre 60 e 70 céntimos en quilo. As principais industrias que sacrifican e comercializan carne amparada pola IXP Ternera Gallega achacan esta situación aos problemas para dar saída á produción, habituais nesta época do ano. Por parte dos produtores, sen embargo, acúsase aos matadoiros de aproveitarse da situación para baixar artificialmente os prezos, pois interpretan que a axuda de 200 euros por animal certificado da Xunta puxo nas súas mans unha arma inesperada coa que “chantaxear” aos gandeiros con non recollerlles os becerros. A cuestión é que só os xatos certificados en matadeiro como Ternera Gallega poderán cobrar a axuda. Os xatos de menor peso son os que están a sufrir unha devaluación maior e Novafrigsa, o principal operador, xa anunciou un cambio nos tramos polos que paga, subindo o listón dos 180 kg canal até os 200 kg canal, cunha baixada doutros 25 céntimos nos animais que estean por debaixo dese peso.
Estannos pagando a Suprema a 5,60-5,70€ kg canal, ao mesmo prezo que meten os becerros pintos que traen de Salamanca
Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, da que forman parte unhas 500 explotacións de toda a comunidade, quéixase das presións dos matadoiros para seguir baixando as cotizacións de referencia para a IXP Ternera Gallega na Mesa de Prezos do Mercado de Amio, que se celebra os mércores, alegando exceso de oferta, ao tempo que sacrifican becerros frisóns procedentes de fóra da comunidade. “No mes de decembro aproveitaron para baixar en picado. Agora estanse vendendo a 5,60-5,70€ os xatos de Suprema das categorías U e E e están matando becerros pintos que veñen de Salamanca tamén a 5,60€ kg canal, ao mesmo prezo que a Suprema, e mandando añojos de 400 kg para Argelia a 6,10 e 6,20€. Temos unha carne dunha calidade excepcional pero que non repercute en nada no produtor”, quéixase. Os matadoiros penalizan máis os animais con poucos quilos Dentro dos xatos de Suprema, os de menos peso son os que perderon máis valor. “Un macho de conformación U entre 160 e 180 quilos anda polos 5,40€ kg canal, baixaron este ano 30 céntimos”, explica Olaia Rocha Fraga, que se encarga da administración e xerencia de Artesáns Gandeiros, a cooperativa de segundo grado formada por Clun, Cooperativa Lemos e A Carqueixa. “Nós mandamos para Novafrigsa e, según nos comentan, non dan vendido e se conxelan perden a marca. Os animais con menos quilos están máis castigados para que a xente os aguante un pouco máis, pero hai veces que cumpren os 10 meses e as explotacións téñenos que sacar con quilos ou sen eles”, recoñece. Programación semanal Artesáns Gandeiros comercializou o ano pasado un total de 3.845 animais, procedentes dunhas 200 explotacións de toda Galicia, 2.321 deles xatos de Suprema, outros 551 de cebadoiro e 258 sen marcar pola IXP, máis un total de 686 animais de vacún maior. Traballan sempre cunha programación semanal que comunican con anterioridade ao matadorio e en épocas coma esta, de escasa demanda, é cando estas programacións se volven imprescindibles.  “As planificacións semanais son moi importantes e son unha garantía. Nosoutros como cooperativa temos que sacarlle o gando ao socio como sexa, sexa inverno ou sexa verán. Non somos un tratante, que pode mercar menos unha semana porque non hai saída. Temos a obriga de sacarlle os xatos que o noso socio gandeiro ten para vender, por iso para nós a planificación é algo fundamental”, recoñece Olaia.
Facemos unha planificación e adiantámoslle ao matadoiro cantos animais imos mandar cada semana
Neste momento estamos metendo todas as semanas uns 45 animais de Suprema e de momento non tivemos especiais problemas para dar saída ao gando, porque lles adiantamos cantos animais lles imos mandar cada semana. Esa planificación é necesaria e ten que ser o máis axustada posible, e máis nesta época do ano na que hai menos venda e máis gando”, di. A recuperación de cara ao verán faise agardar A caída de prezo nos meses do inverno e comezos da primavera é algo habitual, pero este ano está a darse con máis intensidade. “Os prezos non teñen nada que ver cos do ano pasado nestas datas e o desplome que hai en comparación non ten moita xustificación. Pero nós prevemos que ata mediados ou finais de maio non haxa recuperación nos prezos”, avanzan desde Artesáns Gandeiros.
Tiña que estar subindo a carne xa con forza; a tendencia foi subir sempre despois de Semana Santa
Gandeiros Galegos da Suprema, pola súa parte, esixe aos matadoiros que non retrasen a revalorización dos xatos que sempre se produce a medida que se achega o verán. “Tiña que estar subindo a carne xa con forza; normalmente a partir da Semana Santa subía, pero este ano nin iso. Esta semana na Mesa de Prezos as industrias querían mesmo seguir baixando, dicían que esa era a tendencia para as vindeiras semanas”, denuncia Santiago Rego. Desestacionalizar partos “Din que temos que programar partos e ter eses xatos que temos no inverno para o verán, cando fan falla, pero despois non nolos pagan. Ten que haber unha diferenciación clara para que o produtor teña eses animais nesa data, porque os custos son tamén distintos e para iso no verán ten que estar o kilo no entorno dos 7 euros”, argumenta o presidente dos produtores de Suprema.
Ten que haber unha diferenciación clara no prezo para que o produtor programe partos
“Cambiar a maneira de traballar nalgúns casos é complicado, sobre todo no caso de explotacións de xente maior que están en Suprema. Noutras explotacións con persoas máis novas e máis profesionais podería adoptarse, pero con incentivos, porque iso custa cartos e dá traballo”, concorda tamén Olaia. Os custos de produción seguen altos Santiago é moi crítico coa industria por aproveitarse dos momentos de excedentes para tirar os prezos e non actuar do mesmo xeito á inversa, cando non chega a produción para abastecer o mercado. “Nos momentos nos que falta gando, de xuño a decembro,  subiron só 6 céntimos, cando nas dúas primeiras semanas de xaneiro xa baixaron eses 6 céntimos. Cando falta carne tiran dos prezos para riba co freo de man e cando sobra carne tiran os prezos e meten animais de fóra. Estabamos vendendo a 6,20-6,30€, polo que a baixada foi de 60 ou 70 céntimos. Estamos falando da rendibilidade do xato”, afirma.
Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está
Esta baixada de prezos tan acusada non concorda cun descenso parello dos custos de produción, que se moderaron algo a respecto de hai un ano, pero moito máis levemente. “Os cereais baixaron unha barbaridade pero o penso non tanto, estámolo pagando aínda a case 400 euros co IVE, e a palla está a 200 euros a tonelada. Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está, porque traes un viaxe de palla e fúndeste 4.000 ou 5.000 euros”, di, agardando que a situación cambie de cara ao verán, coa nova colleita en Castela, que se prevé mellor que a do ano pasado. Menor dependencia dos intermediarios Diante do control que a industria acaba exercendo sobre toda a cadea, a estratexia da cooperativa A Carqueixa está a ser a de comercializar directamente a maior parte dos becerros dos seus socios, conseguindo deste xeito manter o prezo medio neste momento nos 6 euros o quilo canal. “No noso caso para maiorista vai moi pouco. Libramos por iso”, asegura o presidente da cooperativa, Antonio Del Pueblo Alonso, gandeiro de Moreira, en Cervantes. Á hora de mandar para matadoiro seleccionan os animais en función do seu uso final para rendibilizalos o máis posible. “Os xatos culóns mandámolos para a industria con destino aos supermercados, son canais con moito rendemento cárnico. Nós, pola contra, buscamos un nivel maior de engraxamento nos animais que comercializamos directamente”, explica.   
O prezo medio seguímolo tendo nos 6 euros neste momento
“Logramos xa dar saída nós ao 75% da carne que producimos  entre a sala de despece e a carnicería. Desde a sala de despece subministramos ao comedor de Inditex e algo tamén a hostelaría e desde a carnicería que temos na Praza de Abastos de Lugo, onde agora temos maior capacidade tras unir dous postos, ademais de vender directamente a consumidores tamén mandamos os lotes de carne por internet, que están a ter moi bo ritmo de venda”, detalla o presidente da Carqueixa.  “A nosa intención é medrar por aí e pola comida elaborada”, conta. Fan catro platos: xarrete con castañas, callos, caldo, e tenreira guisada con salsa de figos. “A idea con iso é darlle maior valor engadido ás partes que menos saída teñen e poder aproveitar todo o animal ao completo”, explica.
O noso obxectivo é ir repercutindo toda mellora no prezo que imos conseguindo no socio
A Carqueixa conta neste momento con 215 socios, que manteñen activas un cento de ganderías de vacún de carne cunha produción total de 750 animais sacrificados ao ano, entre xatos e vacas. “Desde que empezamos coa comercialización directa medramos todos os anos arredor de 150 canais, tanto de socios novos que se incorporan á cooperativa como de socios que non vendían a través da cooperativa e que volven mandar gando con nós. Moita xente vendía a tratantes, pero a diferenza de prezo que temos é moi notable, porque o noso obxectivo é ir repercutindo no socio toda mellora no prezo que imos conseguindo”, asegura Antonio. Outra das claves para este crecemento é a confianza dos socios nos pesos que acompañan as liquidacións. “Nós só descontamos o 2% e hay ademais outros factores a ter en conta, porque existe moita diferenza nos pesos entre matar nun matadoiro e noutro”, di, por exemplo.

“O embudo témolo na industria”

A falta dun prezo de venda que cubra os custos de produción e deixe unha marxe para os gandeiros, a rendibilidade das explotacións de vacún de carne depende neste momento en boa medida das axudas, tanto as da PAC como as subvencións extraordinarias que se levan artellando trala covid e a guerra de Ucraína, ou a anunciada o pasado ano pola Xunta para as granxas inscritas na IXP Ternera Gallega. Esa axuda, de 200 euros por xato, prevese que sexa cobrada neste mes de abril (sempre que os cambios na Consellería non interfiran) no caso dos animais sacrificados en 2023. “Según os nosos cálculos sobra 1 millón de euros dos 12 millóns que había previstos e pediremos unha reunión coa nova conselleira para que a axuda se manteña este ano. Entendo que non vai haber modificacións nese sentido, porque o compromiso era mantela este ano tamén”, lembra Santiago Rego. Pero para cobrala, unha das condicións é que os animais marcados como Ternera Gallega sexan sacrificados en matadoiro e ese requisito estase a converter nun elemento de presión máis á hora de fixar os prezos. “É unha arma máis que lle deron á industria que non necesitaba, porque xa tiñas moitas”, di. Contratos impostos Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema poñen o foco na situación de inferioridade na que se atopan os produtores fronte aos matadoiros, que controlan o sacrificio e a comercialización dos animais amparados pola IXP Ternera Gallega.
Ameázante con que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión
“Téñennos amarrados porque saben que a axuda vai ter que ser certificada polo matadoiro, esa é a realidade. Esa é a presión que temos. Están ameazando que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión, e son contratos que din expresamente que cubres os custos de produción cando non é certo, pero se non os firmas non che levan o animal, e se non che levan o animal non cho certifican, e se non cho certifican non vas poder cobrar a axuda”, relata Santiago. “O embudo témolo na industria. Sería unha válvula de escape polo menos poder despezar fóra de Galicia porque senón ao final tes que caerte na industria de aquí e son 4 as que máis traballan a marca da IXP. Téñeno todo moi amarrado. Se nos dan a axuda de 200 euros por un lado e no la sacan por outro, ao final a axuda non é para nós, é para o matadoiro”, denuncia.  

Estabilidade nos prezos no Mercado de Amio

Os prezos do gando que concorreu ao recinto feiral do Mercado de Amio mantivéronse estables e continúan co valor da pasada semana. En canto á afluencia de animais, nesta xornada pasaron 1.291 reses, 305 menos que na sesión do 10 de abril. Así, 1.060 animais foron de vacún menor (281 menos que na pasada semana); 70 de vacún mediano (15 menos) e 161 de vacún grande (9 menos). Finalmente, os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Galega decidiron por maioría manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Más información – Táboa completa dos prezos de Amio (17-IV-2024).

Véndese rabaño de ovellas de raza dorper

A raza dorper, orixinaria de Suráfrica, é moi rústica e non precisa ser esquilada Véndese rabaño de ovellas de raza dorper, composto por 130 animais (3 machos e o resto reprodutoras, tanto brancas como de cabeza negra, de idades comprendidas entre o 2014 e o 2022). Atópase na parroquia dos Vilares, en Guitiriz, e as ovellas véndense por lotes ou individualmente. A explotación foi socia de OVICA e foi unha das pioneiras da introdución da raza dorper en España. O seu propietario, Juan Veres, faleceu fai un mes e a súa familia vese obrigada a vender o gando ao non dispoñer do tempo necesario para facerlle fronte ao traballo que require a granxa.  "O meu pai era quen levaba as ovellas e nós temos outros traballos e non podemos atendelas. Agora mesmo están cubertas porque entre os meses de xaneiro e marzo estiveron cos machos", explica a súa filla, Antía Veres. A raza dorper é unha raza de vocación cárnica de orixe surafricana que ten como característica principal que pela soa, polo que non é necesario ter que esquilar as ovellas, o que reduce os custos e a man de obra necesaria para este traballo anual. 
A raza dorper non precisa ser esquilada, o que reduce os custos na explotación
Neste rabaño hai presentes liñas xenéticas diferentes procedentes de Australia e de Suecia. "Son animais moi rústicos e cunha moi boa capacidade de adaptación ao medio galego", explica Antía.  Ademais, conta, "son moi prolíferas, a media na explotación é de 1,7 crías por ano, e son moi capaces de criar elas soas, sen supoñer un traballo engadido sacar os años adiante na época de parideira".  As persoas interesadas poden contactar con Antía no teléfono 628 822 397.

Iseran, un herbicida para o control das malas herbas en millo

Na campaña 2023, SIPCAM Iberia lanzou Iseran, un novo e sostible herbicida para aplicacións en pre-emerxencia e en post-emerxencia temperá das malas herbas.

Iseran posicionouse no mercado como “unha solución flexible para o cultivo de millo”, segundo destacou xa nun inicio o Product Manager de SIPCAM Iberia, Pepe Martínez. Doce meses despois do seu lanzamento, a compañía de sanidade vexetal demostrou o alto rendemento da súa nova. ferramenta.

No seu primeiro ano de uso comercial, máis de 40 agricultores leoneses puideron comprobar o pasado mes de xullo como Iseran pode converterse na clave para lograr unha campaña de éxito. Da man do equipo da compañía, comprobaron a súa efectividade no control de malas herbas durante unha demostración en campo.

Demostración en campo do funcionamento do herbicida.

“Puidemos observar que este herbicida ten unha alta eficacia fronte a dicotiledóneas (malas herbas de folla ancha) e que, combinado con outras materias activas, é capaz de reforzar a súa efectividade para o control de monocotiledóneas”, analiza a delegada de Field Marketing Patricia de Blas.

Iseran nace froito da tecnoloxía Microplus Technology ®, patentada por Sipcam-Oxon. “Está formado por Mesotriona en forma de suspensión concentrada, a cal actúa sinerxicamente coa Clomazona, que se atopa en forma de suspensión de microcápsulas”, explica o Product Manager.

Acción
O herbicida ofrece un modo de acción diferente ao resto, dada a súa composición. As dúas materias activas son absorbidas polas malas herbas, tanto polas follas como polas raíces, translocándose por toda a planta e logrando que non nazan as malas herbas ou unha necrose destas.

Con este herbicida, SIPCAM Iberia ofrece unha acción herbicida inmediata grazas á Mesotriona, mentres que as microcapsulas de Clomazona libéranse dun modo controlado, gradual e continuo. Desta forma, garántese unha eficacia máxima, así como maior persistencia de acción e selectividade para o cultivo do millo.

“Se os profesionais buscan unha estratexia para control de malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá, ata tres follas, Iseran é dos poucos produtos do mercado que cumpren con eses requisitos”

Este formulado ofrece unha dose flexible que permite controlar as principais malas herbas de folla ancha e estreita das zonas de millo. Ademais, destaca pola súa capacidade de integración en calquera estratexia herbicida e non ten limitacións do seu uso nos anos seguintes.

“Se os profesionais agrícolas buscan unha estratexia para a súa campaña 2024 coa que controlar as malas herbas en pre-emerxencia ou post-emerxencia temperá (ata tres follas), Iseran é un dos poucos herbicidas que hai no mercado con estas características. Ademais, é un produto composto cunhas materias activas que non teñen restricións”, conclúe a delegada de Field Marketing da zona.

Acerca de SIPCAM Iberia
SIPCAM Iberia é unha empresa de I+D, márketing e comercialización de produtos fitosanitarios, bioestimulantes e nutricionais especiais, tanto químicos como biolóxicos, con vocación de liderado, que elabora solucións innovadoras de investigación e desenvolvemento agrícola, ofrece unha ampla carteira de produtos para os principais cultivos. A compañía destaca por unha liña de produtos seguros para o agricultor, o consumidor e o Medio Ambiente.

Para máis información

Sesión de altibaixos de prezos en Silleda

Tras os bos resultados da pasada semana, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou oscilación de prezos en todas as categorías. Así, nos becerros carniceiros é onde máis descenso de prezo se rexistrou, mentres que na recría a tendencia foi á alza. En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 1.092 animais, dos cales 1.006 foron adxudicados; cifras inferiores ás da pasada semana. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 130 euros (+5 euros respecto da pasada semana); os de 21 a 50 días a 159 euros (-9 euros) e os de máis de 50 días a 209 euros (+37 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 384 euros e sumaron 28 euros con respecto á xornada anterior; os de 21 a 50 días chegaron aos 421 euros e baixaron 12 euros o seu valor medio e os máis adultos incrementaron o seu valor en 51 euros, ata chegar a un prezo medio de 553 euros. Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 829 euros, é dicir 29 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais, diminuíron o seu valor en 105 euros, até quedar en 1.049 euros. Mentres, as femias incrementaron en 115 euros e quedaron nun valor medio de 945 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.285 euros de media os machos (+91 euros) e a 945 euros as femias (+113 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema subiron o seu valor 148 euros ata conseguir un prezo de referencia de 1.215 euros. No vacún maior houbo baixada en dúas categorías e subida nas outras dúas. Así, na categoría extra e de desfeito, a suba foi de 143 e 138 euros, respectivamente, quedándose cuns prezos de 2.352 e 495 euros. Na categoría primeira a baixada foi de 105 euros, fixándose un prezo medio de 1.145 euros, e na segunda foi de 91 euros, alcanzando os 750 euros. Os animais comercializados baixo selo Vaca e Boi de Galicia descenderon o seu valor medio en 318 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.568 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos lechones, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 108 euros (cun prezo de 5,4 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 103 euros e cun prezo por quilo de 5,15 euros. O mercado do ovo presenta baixadas do 0,03 con respecto á semana pasada, excepto nos da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os demais establécense da seguinte maneira: os da L en 2,33 euros; os da M en 2,17 euros e, finalmente, os da S en 1,86 euros. O prezo do coello tamén baixou 0,05 e está nos 2,30 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Medio Rural anuncia apoios ó pastoreo en áreas estratéxicas de prevención de lumes

A Xunta proxecta fomentar o pastoreo en zonas estratéxicas para a prevención de incendios, con dúas liñas: un plan piloto de rabaños públicos (propiedade da Xunta) para o control da biomasa na contorna de aldeas da comarca do Xurés e cunha convocatoria de axudas para o pastoreo en extensivo. Con estes dous proxectos, a Xunta calcula que se xestionarán 5.000 hectáreas a través do gando en extensivo, como alternativa á maquinaria. O Consello da Xunta deulle este luns o visto bo ao Plan de prevención de incendios forestais, que estará en vigor ata marzo de 2025 e que conta con 41 millóns de euros. Con este plan prevese actuar en máis de 60.000 hectáreas. Como novidade dentro do plan, búscase prever os lumes mediante o uso de gandería en extensivo. Segundo explicou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, farase mediante gando propio, propiedade da Xunta, ou mediante axudas para promover este sistema entre os gandeiros. A previsión é xestionar 5.000 hectáreas mediante esta fórmula que favorece o desbroce natural. Ampliación de contratos de persoal laboral de extinción No ámbito da prevención, sobresae a ampliación dos contratos do persoal laboral do Servizo de Prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF), que aumentarán gradualmente o seu período de contratación dende os 6 ata os 9 meses. Rematado este novo proceso de estabilización, en 2026, todos os integrantes do servizo (3.000 persoas) traballarán, como mínimo, ao longo de 9 meses ao ano, incidindo nunha maior intensidade dos traballos preventivos. Tamén no eido preventivo, a Administración autonómica destaca a renovación do protocolo de colaboración entre a Xunta e Deputación de Ourense. Con este convenio, actívanse catro pilotos para dotar con 16 novas brigadas por seis meses a catro mancomunidades da provincia, o que reforzará o traballo de prevención en arredor de 320 hectáreas de áreas cortalumes e faixas auxiliares. Inclúense tamén no Plan as medidas con cargo ao convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, Altri e Inditex, que financia actuacións estruturais destinadas á recuperación do territorio galego afectado por incendios forestais de singular incidencia, chegando ás comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense. En referencia á fronteira con Portugal, avanzarase na fixación de áreas estratéxicas preventivas na loita contra os lumes transfronteirizos, ademais de contar coa nova base aérea de Verín-Oímbra, xa operativa esta campaña. Estes traballos de planificación na Raia arrancarán nun piloto que inclúe a ampliación dun souto de castiñeiros como área cortalumes na parroquia de Videferre (Oímbra), ademais de actuacións previstas noutros concellos da mesma comarca limítrofes con Portugal
O plan conta con dous bloques: un dirixido a accións para a poboación e outro en medidas centradas no territorio
Entre as finalidades específicas do plan preventivo están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais ou a planificación preventiva, xestionando a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, incluído o fomento de actuacións silvopastorais e pasteiros. Estrutura do plan Este plan estrutúrase en dous bloques: a programación de accións dirixidas á poboación e as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar e do rural, con 300 charlas aos estudantes e 35 accións formativas en parroquias de alta actividade incendiaria, así como campañas nos medios. Neste apartado tamén se inclúe o traballo relacionado coa tramitación do anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais, actualmente en trámite de análise e resposta das alegacións recibidas. O segundo gran bloque recolle medidas as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas ou devasas en terreo forestal). Este plan integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2024 que, como é habitual, aprobarase antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que arranca o vindeiro 1 de xullo. Queimas prescritas No marco das actuacións de prevención, este ano prevese actuar con queimas prescritas, de redución do mato, en arredor de 1.680 hectáreas de terreo, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O Ministerio realiza un novo pago da axuda extraordinaria aos sectores gandeiros

O Ministerio de Agricultura publicou unha terceira listaxe dos beneficiarios da axuda extraordinaria para compensar a situación de dificultades como consecuencia da seca e da guerra de Ucraína. Son un total de 1.411 titulares de explotacións produtores de carne de vacún, ovino e caprino e produtores de leite de vaca, ovella e cabra os que se beneficiarán do pago desta axuda, por un importe total de 9,1 millóns de euros.

O pago súmase aos xa realizados nos meses de outubro e novembro de 2023, que totalizan un importe abonado de 352 millóns de euros, repartidos entre 73.369 gandeiros beneficiarios. Isto representa un 99 % sobre o orzamento total inicial de 355 millóns de euros.

No caso de Galicia, este novo pago beneficia a 228 gandeiros e gandeiras, que recibiron un total de 197.351 euros. En canto aos totais dos importes pagos e do número de explotacións gandeiros que se beneficiaron da axuda até o momento son 12.534 galegos e galegas con 10.180.810 euros.

A relación dos titulares das explotacións gandeiras beneficiarios, o número de cabezas de gando computadas e o importe da axuda a percibir está dispoñible para a súa consulta na sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).