Category Archives: Axenda

Xornada informativa en Lalín sobre o sistema de permutas de terras agrarias

Lalín (Pontevedra) acolle este venres, día 17 de novembro, unha xornada formativa sobre a Ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas. A sesión celebrarase na Aula da Uned do municipio, situada no polígono industrial Lalín 2000, a partir das 11.00 horas.

Na xornada participarán Ramiro Ruibal Fuentes, xerente do GDR Pontevedra Norte e Miguel Rodríguez López, responsable técnico do proxecto de permutas agrarias no Concello de Friol (Lugo), pioneiro na aplicación deste tipo de permutas de terras agrícolas.

O alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, presidente do GDR Pontevedra Norte, encargarase da clausura da xornada que se pechará coa degustación de produtos locais.

Lalín acolle os XVIII Encontros Gandeiros de Xundeva o 9 de novembro

A Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva celebra o xoves 9 de novembro os seus XVIII Encontros Gandeiros. Este ano a cita volverá celebrarse no Pazo de Liñares, en Lalín (Pontevedra). Na xornada tratarán temas de relevancia para as ganderías como algúns dos cambios que introducen as novas normativas europeas, coa figura do veterinario de granxa, así como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) que está a supoñer un desafío para as ganderías. A continuación, detallamos o programa da xornada: -11.00 horas. Recepción e café de benvida. -11.30 horas. Apertura das xornadas. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. Marcos Mariño García, concelleiro do Medio Rural do Concello de Lalín. -11.45 horas. Normativa Europea de Sanidade Animal: Veterinario de explotación. Santiago Martínez Calvo, xefe de sección de Sanidade Animal da Subdirección Xeral de Gandería. -12.30 horas. Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE): Enfoque a nivel de rabaño. “Do banal ó grave, do individual ó colectivo”. Manuel V. Morales, Veterinario Oceva. Hipra. -13.15 horas. Experiencias gandeiras: Continuidade do negocio e adaptación ás novas normativas. Carlos Carbonell Baeza. Técnico Veterinario de vacún de leite MSD. Animal Health. Suso Vigo López e Suso Andújar Trigo. Gandería Berdón. Manuel Donsión. -14.15 horas. Clausura. Jorge Cubela López, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural. José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín. Manuel Fernández López, presidente de Xundeva. -14.45 horas. Xantar de traballo.

-Descarga aquí o programa da xornada.

Xornada sobre viños de parcela e o exemplo do Priorato

O vindeiro venres, 20 de outubro, celebrarase no concello lugués de Pantón unha xornada técnica sobre os viños de parcela, una tendencia de presente e de futuro para diferenciar e darlle máis valor ao viño. A cita terá lugar ás 18:45 horas na Casa da Cultura de Pantón e na programación destaca a conferencia de Salus Álvarez, presidente do Consejo Regulador da DOQ Priorat, en Cataluña, un referente en España na aposta polos viños de parcela, así como a charla de René Barbier, adegueiro e propietario da adega catalá Clos Mogador. Posteriormente, Diego Rodríguez, da adega Don Bernardino, exporá o caso de diferenciación dos viños de parcela na subzona de Amandi, na DO. Ribeira Sacra. O aforo é limitado, polo que é necesaria previa inscrición a través do código QR ou no seguinte enlace:https://forms.gle/RvNjvmFzzxM9Fud28  Velaquí o programa:

Xornada técnica no Ribeiro sobre manexo sustentable do viñedo e calidade dos viños

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, organiza o 25 de outubro unha xornada técnica sobre o manexo sustentable no viñedo e calidade dos viños na denominación de orixe Ribeiro. A formación terá lugar na aula da sede do Consello Regulador da DO Ribeiro situada en Ribadavia. A xornada dispón de 60 prazas e os interesados en asistir xa se poden inscribir presentando un formulario que se atopa na web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Este prazo rematará o 23 de outubro ou cando se completen as prazas dispoñibles. O formulario remitirase cuberto ao correo electrónico evega.medio-rural@xunta.gal. A súa inscrición será confirmada a través do enderezo electrónico. O horario da xornada técnica será de 09,30 horas ata as 13,30 horas e enmárcase dentro dun proxecto da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, impulsado a través das accións de cooperación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para difundir os estudos feitos arredor da sustentabilidade da produción. Nesta liña, esta xornada vén motivada pola tendencia global cara o uso de prácticas agrícolas máis sustentables e respectuosas co medio natural, das que os viñedos non son alleos. A intención é reducir o emprego dos produtos de orixe sintética e favorecer outras alternativas naturais para o control de pragas, contribuíndo a preservar a biodiversidade e a obter produtos máis saudables para o consumidor. Os destinatarios desta xornada técnica son os agricultores, viticultores ou gandeiros activos con producións cunha orientación comercial; titulares, asalariados ou con contratos a proba dunha explotación agraria, industria transformadora, asociación profesional ou empresa de servizos agrarios; persoas en idade laboral con expectativas de incorporación ao sector e investigadores relacionados coa actividade -estes últimos sempre que haxa prazas dispoñibles-.

Descargar o formulario de inscrición

 

Obradoiro práctico de sanidade vexetal no cultivo do castiñeiro

O Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense organiza un obradoiro práctico sobre a sanidade vexetal no cultivo do castiñeiro. A xornada celébrase o vindeiro luns, día 9 de outubro, en quenda de tarde, de 15.30 a 19.30 horas. Polo seu carácter práctico terá lugar nos soutos do concello ourensán de Maceda. O punto de encontro dos participantes é o Castelo de Maceda. No curso abordarase o seguimento fitosanitario das plantacións de castiñeiro, co obxectivo de lograr mellorar o seu estado sanitario. Explicarase a aplicación de técnicas de prevención e integradas que permitan tanto o seguimento como a curación das principais doenzas. O obradoiro estará impartido por Miguel Ángel Vázquez De la Mata, responsable de Viveiros Castanea Sativa. A xornada está dirixida a persoas que desenvolvan actividades nos sectores agrarios, alimentario e forestal, cuxo ámbito de actuación sexan zonas rurais. As persoas interesadas en participar deben realizar a presolicitude na oficina virtual de Medio Rural. Tamén poden solicitar máis información sobre a xornada enviando un email a jose.manuel.novoa.blanco@xunta.gal ou chamando ó 988 386 516.

Curso ponte en Lugo para obter o carné de aplicador de fitosanitarios nivel cualificado

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria organiza un curso ponte para acceder ó carné de aplicador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado, cunha duración de 35 horas, na Área de Servizos Agrarios de Lugo, programado dentro das actividades de formación continua que xestiona Agacal.

Os interesados, deben contar co carné de aplicador de produtos fitosanitarios nivel básico e facer a solicitude antes do xoves dia 14 de setembro. Pódese solicitar máis información na Oficina Agraria Comarcal de Lugo (982 294 536 / 931).

Horario: 16 a 20. 45 horas.

Días: 18,25,27 de setembro, e 2,9,11,16 y 18 outubro.

Curso de formación en construción industrializada e eficiente con madeira

O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e a Fundación Laboral da Construción, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal e a Fundación Arume, organizan un curso sobre construción industrializada e eficiente con madeira. A formación ten por obxectivo capacitar a operarios do sector da madeira e a construción na fabricación e montaxe de estruturas de madeira baseadas en armazóns lixeiros de madeira e CLT, con illantes térmicos que permitan realizar construcións eficientes de consumo enerxético case nulo. O curso está destinado especialmente a carpinteiros e montadores, pero tamén a empresarios do sector da madeira e a construción e a todos os operarios e técnicos da construción en xeral que poidan levar a cabo construcións en madeira. A formación impartirase durante dúas semanas, do 11 ó 22 de setembro. Contará cunha parte teórica, que se impartirá de forma online en directo durante 15 horas a razón de 3 horas ó día durante 5 días (do 11 ó 15 de setembro). A segunda semana (do 18 ó 22 de setembro) impartirase a parte práctica, presencial, que terá unha duración de 35 horas, a razón de 7 horas diarias durante 5 días para construír unha pequena construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira. Será nas instalacións da Fundación Laboral da Construción, en Santiago, en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Inscricións e prazas

O número de prazas é limitado a 20 alumnos. O curso pecharase coas 20 primeiras inscricións, admitidas segundo o orde de inscrición. A asistencia ó curso é gratuíta, xa que está financiado ó 100% pola Axencia Galega da Industria Forestal, pero a empresa deberá aboar 85 euros por alumno en concepto de reserva cando se formalice a inscrición, que lle devolverán unha vez terminado o curso, se o alumno asistiu como mínimo o 80% do curso. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición e obter máis información sobre o programa do curso aquí.

A XVI Feira do Viño Monterrei incluirá catas comentadas, showcookings e xogos infantís

Verín acollerá do 11 ao 13 de agosto a XVI Feira do Viño de Monterrei. Esta edición contará cun amplo programa de actividades, aptas para todos os públicos, que se sucederán durante as xornadas co obxecto de converter esta cita nun evento vitivinícola ineludible. Ademais de iniciativas musicais e culturais, que terán lugar durante as tres xornadas da feira, tamén están programadas catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de actividades tradicionais para os máis pequenos da casa. A primeira delas será ‘Introdución á cata dos viños de Monterrei’. Celebrarase o sábado 12 de agosto, a partir das 13 horas, e ten por obxecto a realización dunha viaxe polos distintos estilos da denominación, onde o público non só aprenda unha idea de como catar viños senón tamén a valorar o alto nivel conseguido nos viños deste territorio amparado, a través das diferentes variedades cultivadas. Esta actividade correrá a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía desde o ano 2021, graduado en enoloxía e director técnico dunha adega galega. Ese mesmo día, pero xa ás 20.30 horas, terá lugar a actividade ‘Showcooking de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova) e cata-harmonía con viños da DO Monterrei (Miguel López, director técnico do C.R.D.Ou. Monterrei)’. Na mesma, os asistentes descubrirán diferentes elaboracións culinarias que serán maridadas con viños brancos e tintos da denominación, que lles permitirá experimentar diferentes sensacións e texturas enogastronómicas. Na xornada do domingo, ás 13 horas, organizarase a actividade ‘Embaixadores de Monterrei’, dirixida a todo tipo de persoas con curiosidade polo mundo do viño. Esta iniciativa busca debullar e poñer en valor os viños da denominación, mencionando variedades, solos e climas. Será impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Catadoras - AGASU, ademais de catador formado no Instituto Galego do Viño, formador no mesmo centro durante dez anos, e organizador de diferentes eventos para revalorizar o viño galego ao longo da xeografía nacional.
Para participar nas catas é preciso formalizar a inscrición. As prazas son limitadas e teñen un custo de 5 euros
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda. Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 12 e 13 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, billar aéreo, tangram ou ra, entre outros. Non é necesaria a inscrición previa, e a área infantil establecerase na zona sur do devandito parque.
Luis Buitrón, será novo membro da Confraría dos Viños de Monterrei.

Confraría dos Viños de Monterrei

Os actos de celebración da feira comezarán xa o vindeiro venres, día 11 de agosto, coa imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, no que serán nomeados tres novos integrantes da mesma. Este acto levarase a cabo na Igrexa Parroquial de Verín, a partir das 18.30 horas (entrada libre ata completar aforo). A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e conta na actualidade con 49 membros (algúns deles nomeados a título póstumo). Nesta ocasión, sumarase á Confraría dos Viños de Monterrei, Luís Buitrón Barrios, actual presidente da Federación Española de Enoloxía (FEAE). Buitrón estudou enoloxía na Escola de Viticultura e Enoloxía de Requena (Valencia). Iniciou a súa actividade profesional en Galicia, traballando en adegas de Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas e Monterrei e trasládase posteriormente á zona de Ribeira do Douro e León. Buitrón foi director técnico do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra e na actualidade dedícase ao asesoramento de adegas en Galicia, Asturias e Castela e León. O que será novo membro da Confraría dos Viños de Monterrei afirma que nesta denominación de orixe -un dos berces do Godello- están a producirse dos mellores monovarietais de España desta variedade. "O contraste térmico brutal de Monterrei esculpe unha maduración única no Godello", reivindica.
"Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa": afirma Luís Buitrón
  Así mesmo, o presidente do colectivo profesional dos enólogos españois destaca a potencia do Godello de Monterrei como unha das maiores de todos os territorios peninsulares. "Os monovarietais que se están producindo hoxe de Godello en Monterrei e Valdeorras son dos mellores da Península", valora. Ademais, recorda que o seu cultivo ten unha longa tradición en Monterrei, aínda que antes este territorio se vinculara máis aos tintos. "Hoxe o Godello é un puntal de Monterrei, é o emblema da DO, aínda que ata hai uns anos os tintos foran o seu mascarón de proa", asegura. Apunta que polas características da súa zona de transición, cun clima moi extremo na diferenza climática e con grandes contrastes térmicos (grandes xeadas e moito calor no verán), permite unhas maduracións de gran calidade.

Programa do encontro ‘Piñeiros 23’, que se posiciona como escaparate da innovación na cadea da madeira

‘Piñeiros 23’ situará un ano máis a Galicia como escaparate internacional da innovación na cadea forestal – madeira de coníferas. A Fundación Arume, organizadora do evento, presenta o programa da terceira edición, que conta con tres bloques principais: edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa; innovación e cooperación na mellora xenética do piñeiro radiata, e bioeconomía e madeira no espazo rural (moble, viño, arte e turismo).

O evento, que se celebrará o 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, contará tamén cunha conferencia de apertura a cargo do recoñecido arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA.

É de destacar ademais que a edición 2023 de Piñeiros, a terceira, daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata.

Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa.

Detallamos o programa completo a continuación.

PROGRAMA PIÑEIROS 23

Data: 10 de outubro de 2023.
Hora: de 09:00h a 17:00h
Ubicación: Edificio Fontán (Cidade da Cultura – Santiago de Compostela).

08:45h – Recepción e acreditación de asistentes.

09:30h – Apertura.
• José Carballo, presidente da Fundación Arume.
• Federico Saiz, presidente de Baskegur.
• Representante institucional da Xunta de Galicia.

10:00h – Conferencia. David Chipperfield, presidente da Fundación RIA. Máis que unha economía.

10:30h – Edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa.
• Moderadora: Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo.
• Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña. Edificio Terrazas para la vida de Barcelona.
• Beñat Aranburu, arquitecto en Asmatu S.L. Nova Sede de NaturKlima en San Sebastián.
• Marta Benedicto, socia fundadora de Cierto Estudio. Illa Glòries, Barcelona.
• Alex de Rijke, socio fundador do estudio dRMM. Proxecto Wellness Hotel en Nazaré (Portugal).

12:00h – Pausa café.

12:30h – Innovación e cooperación en mellora xenética de Pinus radiata.
• Moderador: Ricardo Alía, profesor de investigación do Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR-INIA-CSIC).
• Juan Majada, director do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias (CETEMAS).
• Francisco Lario, responsable de investigación de TRAGSA-Maceda.
• Paloma Moncaleán, investigadora do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (NEIKER).

13:45h – Pausa para refrixerio.

15:15h – Bioeconomía e madeira nun espazo rural resiliente: moble, viño, arte e turismo.
• Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de UNEmadera.
• Enrique Arrillaga, fundador de Muebles LUFE.
• Florence De Kimpe, directora de marketing de Lafite Rothschild.
• Frank Buschmann, artista do moble.
• Jorge Martínez, CEO e fundador de Suites Nature.
• Mercedes Rois, directora da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal. Bosques resilientes para a sociedade. Proxecto RESONATE.

17:00 – Acto de clausura. Representante institucional da Xunta de Galicia.

-DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA.

 

Inscrición aberta para un curso de aproveitamento de produtos frutícolas

A Fundación Juana de Vega organiza un curso de aproveitamento de produtos frutícolas. O alumnado estudará (28 horas) as operacións de colleita e de conservación da froita de maneira transversal a todas as producións frutícolas. Completarase cun taller de elaboración de mosto e sidra a partir de mazá e outro de conservas e, para finalizar, no mes de decembro, organizase unha xornada de cata dos produtos elaborados. O custo da inscrición é de 100€, que se deberán aboar unha vez feita a reserva de praza no formulario oficial clicando aquí: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/curso-de-aproveitamento-e-transformacion-de-produtos-fruticolas Datas Do 5 de setembro e o 14 de novembro. No mes de decembro (data a concretar), terá lugar unha sesión de cata dos produtos elaborados coincidindo coa entrega dos diplomas. Prezo 100€ Lugar Todas as sesións terán lugar no CFEA de Guísamo agás a sesión inicial do 5 de setembro, que será na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros). Horario Clases no CFEA de Guísamo: 16:30 a 20:30h. Clases na Fundación Juana de Vega: 16:00 a 20:00h Programa Consultar aquí Asistencia A obtención do certificado de aproveitamento implica a asistencia ao 80% das horas lectivas.

Ciclo de conferencias sobre agrorrobótica no campus da USC en Lugo

A robótica agrícola é un sector en expansión ao que os estudos de mercado lle auguran un rápido crecemento e implantación. A industria da agrorrobótica aumentou o seu volume de facturación nos últimos anos de forma significativa e as previsións de negocio son moi favorables a curto prazo. Cada vez máis empresas especialízanse neste ámbito e no mercado español tamén estamos a observar esta tendencia.

A edición do ciclo de conferencias en agrorrobótica deste ano pon o foco no Grupo Internaco, un grupo empresarial creado en 1976 que se destacou nos últimos anos pola súa aposta na agrorrobótica. Á súa experiencia de case trinta anos co robot cortacéspede da casa comercial sueca Husqvarna, uniuse recentemente a distribución dos robots FarmDroid e Naio por medio da súa participación na compañía AG Group.

Nas distintas conferencias do ciclo abordarase a súa visión sobre a robotización de traballos relacionados coa xardinaría e a agricultura e as perspectivas de futuro que teñen sobre a súa implantación en España. Ademais, realizaranse demostracións en campo cos últimos modelos de robots que distribúe AG Group no mercado ibérico, o que é unha oportunidade inmellorable de poder ver esta tecnoloxía en funcionamento no noroeste de España.

Xornada de portas abertas este venres no Centro de Formación Agraria de Sergude

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no lugar de Quián, en Boqueixón (A Coruña), acolle mañá unha xornada de portas abertas. A sesión será en horario de tarde e comezará ás 16.00 horas. Na xornada ofrecerase información sobre o ciclo medio modular para adultos de Produción Agroecolóxica. Ademais, a través dun percorrido guiado, os participantes poderán coñecer a riqueza en biodiversidade e recursos naturais que hai no espazo natural de Sergude, que conta con zonas de pasteiros, horta ecolóxica, froiteiras, así como gandería de vacún de leite, ovellas e cabras galegas, así como porco celta, cabalo pura raza galega e apicultura ecolóxica. A inscrición pode facerse no teléfono 647 60 85 85, aínda que non é imprescindible anotarse.

Xornada formativa para ganderías de vacún en Frades

A cooperativa coruñesa Central de Frades SCG organiza unha xornada formativa na que se tratarán temas de interese para as granxas de vacún coma o uso responsable de antibióticos, a prevención de IBR ou as novas normativas no agro. A xornada celébrase o xoves 15 de xuño no restaurante O Cadaval, en Frades (A Coruña). A formación comezará ás 11.00 horas e prolongarase durante toda a mañá. Trátase dunha actividade aberta a todos os gandeiros e gandeiras interesados, pero por motivos de organización é preciso confirmar asistencia antes do 14 de xuño. As persoas interesadas en acudir deben chamar á Cooperativa no 981 692 105 ou enviar un email a info@centralfrades.es. Detallamos a continuación o programa completo da xornada: 10.45 – 11.00 horas. Recepción de asistentes. 11.00 – 11.45 horas. A Rinotraqueítes Infecciosa Bovina (IBR) e o seu novo programa de prevención, control e erradicación. Sergio Rodríguez Pedrouzo, do Servizo Técnico Rumiantes de Vetia. 11.45 – 12.05 horas. Pausa do café. 12.05 – 12.50 horas. Uso responsable de antibióticos e normativa sobre o veterinario da granxa. Raquel Gómez Gómez, da subdelegación xeral de Sanidade e Hixiene Animal e Trazabilidade do Ministerio de Agricultura. 12.50 – 13.35 horas. Novas normativas para o sector agrario. O caderno de campo e fertilización. Diana Freijeiro Lorenzo, enxeñeira agrónoma en Agroenxeñería Galega CB.

Expertos en sostibilidade, produtores e influencers analizarán os retos da transición verde no Foro Galicia Alimentación

O desenvolvemento rural, a resiliencia e a produción sostible serán os temas protagonistas do VIII Foro Galicia Alimentación. Baixo o titulo de “Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: Reflexións en torno a unha transición necesaria”, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reunirá a expertos nestas cuestións para abordar os retos de futuro aos que se terá que afrontar o sector. Será o 14 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia. Para tratar un tema tan complicado e que afecta a todos os elos da cadea da alimentación, Clusaga reuniu tanto a expertos en medio ambiente e na aplicación da sostibilidade nas empresas como a produtores para, xuntos, afondar nestas problemáticas desde diferentes perspectivas. A xornada comezará coa mesa redonda “Unha transición necesaria”, na que participarán: Antonio Vasconcelos, colíder en Planetiers New Generation e INSURE.Hub, unha iniciativa que, dende Portugal, ten como obxectivo promover o coñecemento, innovación e emprendemento sostible nas empresas e organizacións, de cara a transición verde; e Mila Valcárcel, managing partner de Eatable Adventures, unha compañía internacional que traballa con proxectos foodtech emerxentes do sector para xerar un impacto relevante no sector da alimentación. A mesa complétase coa presenza de Eva Garrell, que desde B Corp Impact Programs Senior Lead de B Lab Spain asesora no deseño e implementación de estratexias de sostibilidade empresarial; e María Coto, directora da liña de desenvolvemento rural e sostibilidade en Red2Red. Na outra mesa redonda, “Do mar e a granxa á mesa”, serán os produtores os que tomen protagonismo da man de nomes destacados en redes sociais e medios, que traballan para pór en valor o sector e a calidade dos seus produtos, coma María Fontán, máis coñecida como “Mariscadora 2.0”, e Ana Corredoira, bióloga e gandeira en Ganados A Cernada. Xunto a elas estará o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro, e a xerente da Real Conservera Española, Lucrecia García.  Por último, a conferencia principal do foro impartiraa José María Bonmatí, o director xeral da Asociación de Fabricantes y Distribuidores AECOC, unha das maiores asociacións empresariais do país que representa ao sector de bens de consumo a nivel nacional. Bonmatí ofrecerá un relatorio titulado “Visión do sector e o gran consumo” no que explicará que o consumidor é cada vez máis consciente e, polo tanto, máis esixente cos distintos axentes da cadea de valor da alimentación. De feito, a tendencia vai cara un consumo con atención á ética e a sostibilidade.

Premios Galicia Alimentación

Como xa vén sendo tradición, unha vez rematado o foro, procederase á entrega dos Premios Galicia Alimentación, nos que este ano conseguiuse un récord de participación con 99 candidaturas entre as catro categorías: a Produto Innovador, a Produto Excelente, a Proxecto Sectorial e á Estratexia de Mercado. Tanto o Foro coma os Premios Galicia Alimentación contan co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e aos mesmos asistirán responsables da administración pública e das principais empresas distribuidoras de Galicia.