A
Asociación Galega de Apicultura (AGA), con apoio da área de Rural da Vicepresidencia da
Deputación de Lugo, lanzou a campaña '
Convives ou combates. Ti elixes', dedicada á loita contra a
vespa velutina. A iniciativa, que inclúe varios encontros informativos, percorrerá catro concellos da provincia entre o 11 e o 18 de maio.
Os eventos comezarán en
Samos e
Lugo este sábado, 11 de maio, ás 11.00 horas no
Centro Multiusos do Concello, e continuará o mesmo día ás 18.00 horas no
Vello Cárcere de Lugo. O sábado seguinte, 18 de maio, as charlas desprazaránse ás
Escolas Vellas de San Miguel de Reinante en Barreiros pola mañá, e pola tarde na oficina de turismo de
Carballedo.
Estas xornadas abordarán a importancia da implicación cidadá no control da
vespa velutina e promoverán a adopción de medidas para combatela sen prexudicar as explotacións apícolas tradicionais. O ciclo de actividades concluirá no verán con sesións de formación práctica.
A inscrición para estas actividades é gratuita e pode facerse enviando un correo a
info@apiculturagalega.gal.
Sandra V. Rojas Nossa, Salustiano Mato, Pilar Feijóo, Aarón Lagoa e Josefina Garrido, investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizaron diferentes investigacións que recolleron no artigo
'Comparación da eficacia e selectividade de trampas con cebo para a captura do avispón invasor Vespa velutina'. A finalidade do estudo céntrase en comparar a efectividade (taxa de captura de V. velutina) e selectividade (taxa de captura de V. velutina/taxa de captura de especies non obxectivo) de catro modelos de trampa.
As trampas con cebo utilízanse comunmente para tentar reducir a poboación invasora do avispón asiático Vespa velutina. Con todo, o método xera controversia porque a evidencia suxire que a captura primaveral non é eficaz para reducir a poboación e tamén polo elevado número de capturas doutras especies. No entanto, apareceron no mercado novos modelos que reivindican a súa selectividade.
Neste proxecto, que levaron a cabo na primavera de 2022 no suroeste de Pontevedra, dividiron o terreo nunha cuadrícula de 1 km2 nunha rexión costeira da provincia e eliximos cuadrículas con relativa abundancia de colonias de V. velutina- o ano anterior, entre 1 e 8 niños/km2. En cada cuadrícula asignouse aleatoriamente un modelo de trampa. En total, colocaron seis trampas de cada modelo para un total de 24 trampas.
Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) selectividade transformada logarítmicamente
Durante o proxecto probaron catro tipos de trampas, tres comerciais e un prototipo. A trampa VespaCatch® (trampa V), Véto-pharma, ten tapa negra con dous orificios de entrada laterais e un recipiente de plástico amarelo que contén o líquido atraínte, onde os insectos morren afogados. A trampa Econex® (trampa X) ten teito verde, tapa amarela cun buraco central e un recipiente transparente cunha malla plástica que divide o colector en dúas partes; a base que contén o cebo líquido é unha cámara principal onde os insectos morren por esgotamento. A trampa Eva® (trampa E), consta dunha botella de plástico transparente con dúas pezas laterais amarelas. Estas teñen un buraco máis grande que funciona como entrada e catro buracos máis pequenos que se utilizan como saída de insectos. Ademais, a trampa está provista de bólas de arxila expandida, para evitar que os insectos morran por ahogamiento, e bridas de plástico que permiten aos insectos camiñar cara ás saídas. A cuarta trampa foi un prototipo en fase de desenvolvemento industrial (trampa R). Consta dunha tapa transparente en forma de cúpula provista de dúas entradas laterais e un recipiente amarelo que sostén o atrayente líquido. O colector está dividido por unha malla de plástico onde os insectos morren por esgotamento.
Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo
A trampa E tivo unha maior efectividade e unha maior selectividade, mentres que a R tivo a menor efectividade e selectividade. As trampas VespaCatch e Econex tiveron altas taxas de captura, pero tamén a selectividade máis baixa das trampas avaliadas, con capturas de especies nativas vulnerables. En conclusión, "o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable e non recomendado como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida", destacan os investigadores.
Todas elas son trampas usadas en Galicia e en canto ao prezo, "probablemente o custo económico é menor en termos do que custa a compra dunha trampa, pero non se estimou o custo que implica a afección para as especies nativas e por tanto para os servizos ecosistémicos; é dicir, aqueles servizos que achegan os ecosistemas aos seres humanos", indican.
Trampa ambientalmente sustentable
Nos resultados indícase que, coas trampas probadas, a captura con cebo segue sendo ambientalmente insustentable e non se recomenda como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida. Todo isto está motivado pola diversidade e abundancia das especies nativas. Así mesmo, indícase que as trampas son altamente contaminantes e para conseguir un trampeo ambientalmente sustentable deberíanse empregar aqueles aparellos que só capturen a Vespa Velutina.
Nas conclusións tamén se indica que a trampa E supón unha mellora en termos de selectividade ao comparar as taxas de captura doutras trampas. Isto vén motivado porque "todos os detalles do deseño dunha trampa inflúen sobre a súa funcionalidade. Probamos as trampas como un todo e non comparamos os diferentes detalles entre elas. Iso requiriría un deseño experimental diferente". Por iso, non é recomendable utilizar a trampa E, porque "a captura con cebo é unha ameaza adicional para a biodiversidade nativa, o que se aplica a esta trampa".
En Galicia úsanse moitas trampas. Até agora non hai estudos que demostren que hai unha trampa efectiva e completamente selectiva.
No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo seguen a traballar na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos
Adicionalmente, a evidencia científica demostra que o trampeo de primavera non reduce a cantidade de nidos nunha área. Moitas veces o argumento que se usa para xustificar as capturas de insectos nativos no trampeo de primavera, é que probablemente as colonias nas que as raíñas fundasen consumirían unha cantidade de insectos similar ou mesmo maior. Pero este argumento non é válido, xa que os insectos que caen nas trampas e os que consome V. velutina non son os mesmos, e por tanto o trampeo é unha presión engadida sobre as especies nativas.
Por estas razóns, a recomendación neste momento continúa sendo non usar trampas con atraínte polos danos ambientais que leva o trampeo. No entanto, prodúcense novas trampas e atraíntes que hai que probar. No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo continúan traballando na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos. "En base aos nosos estudos estamos a deseñar un novo modelo que pretende mellorar os resultados obtidos, para o que é clave un estudo enfocado en determinar se existen atrayentes realmente selectivos", conclúen.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas informa das últimas prazas libres para o curso de apicultura que vai impartir durante o mes de abril e maio en Brexo (Cambre) (
https://maps.app.goo.gl/9uJQbUSSwV4Y61fFA).
A formación é de balde e dará comezo este sábado, 6 de abril.
Días: os sábados 6, 13 de abril e 11 de maio
Horario: de 10:00 14:00
Imparte Brais Álvarez (apicultor)
Esta actividade está financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA).
A Agrupación Apícola de Galicia organiza un
curso sobre xenética e crianza selectiva de abellas melíferas.
A formación, de carácter teórico e práctico, terá lugar os
días 15 e 16 de abril na Valenzá, no concello ourensán de Barbadás.
O curso será impartido por
Ernesto Guzmán Novoa, entomólogo, veterinario e Director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph, en Canadá.
Para asistir ao curso é imprescindible anotarse, a través do número de watsapp 646788215. O custo é de 20 euros para socios e de 70 euros para para persoas non socias da Agrupación Apícola de Galicia.
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, visitou hoxe este concello coruñés, onde se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina. Estes labores enmárcanse dentro das novas medidas executadas este ano pola Xunta de Galicia para facer fronte a esta especie invasora.
Esta mañá, José González remarcou que "o Goberno autonómico leva realizado un inxente traballo para combater a avespa velutina, apoiándose no programa autonómico acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -ao que este ano están adheridos os 313 concellos galegos"-. “Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e retiramos, a través de Seaga, máis de 29.500 niños”, lembrou o titular do Medio Rural en funcións. Con todo, ante a evolución da presenza deste insecto en Galicia, José González destacou o compromiso da Xunta para “seguir avanzando” en coordinación cos concellos, axentes do territorio ou os investigadores.
Así, salientou que estas novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina na comunidade contan con catro eixos de actuación -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas catro provincias galegas.
Sobre o trampeo, “selectivo, planificado e coordinado”, o titular do Medio Rural en funcións explicou que a súa instalación comezou en concellos das provincias de Coruña e Pontevedra para avanzar a continuación, xa esta mesma semana, por Lugo e Ourense.
Este labor é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade, e está sendo desenvolvido apoiado nun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta.
O conselleiro cualificou os traballos fronte a expansión da velutina como “unha loita conxunta, na que cremos que temos que estar todos” e apostou polo trampeo e polo seguimento da captura de raíñas como “un paso necesario” para afondar no control desta especie invasora. Engadiu que neste proceso “estamos seguindo estritamente os criterios técnicos e as recomendacións que nos están dando, dende un punto de vista científico” e que “as trampas son as mellores dispoñibles no mercado” para estas tarefas. Os dispositivos, remarcou, colocaranse “naqueles puntos xeolocalizados que máis nos interese” para facer fronte, de xeito efectivo, a este problema.
A medida atende unha das principais demandas do sector apícola e permite facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema, explicou esta mañá en Porto do Son o conselleiro en funcións.
O trampeo céntrase agora na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento a construír os primeiros niños. José González adiantou que o traballo que se realizará nos meses de outono e inverno terá por obxectivo a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros.
Aposta pola formación e a investigación científica
Por outra parte, neste 2024 adiantouse a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño, ademais de incidirse na formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación.
Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.
Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia
O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira da totalidade dos 313 concellos galegos.
Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria.
A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.
A
XXXVI Feira Apícola das Rías Baixas celebrarase no
Porriño o vindeiro 13 de abril. Nesta cita, organizada pola
Agrupación Apícola de Galicia e a
Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, espérase a participación de produtores, artesáns e envasadores de mel.
Dentro da Feira tamén se celebrarán xornadas técnicas internacionais sobre apicultura xunto á Feira do Mel e o Mercado de Artesanía.
A participación para estar presente na Feira é de balde.
Velaquí o programa:
O
Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoca as subvencións,
cun orzamento de 519.464 para 2024, para impulsar proxectos de investigación aplicada no sector apícola e os seus produtos. O obxectivo é mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos apícolas en España e que o sector poida afrontar con máis facilidade os retos aos que se enfrontan.
Segundo o extracto da resolución do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), a contía máxima da axuda será de ata 300.000 euros por proxecto subvencionable e convocatoria no caso de proxectos plurianuais de tres anos de duración; ata 200.000 euros no caso de dous anos; e ata 100.000 euros no caso dos proxectos cun ano.
Estas axudas correspóndense á Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) e inclúe numerosos tipos de intervencións, entre elas a colaboración con organismos especializados para desenvolver programas de investigación neste sector, fundamentais para favorecer a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
A investigación aplicada e a innovación preséntanse como unha das estratexias máis eficaces para mellorar a competitividade e rendibilidade do sector apícola, cun impacto directo sobre a economía das empresas que a aplican ao contribuír a reducir o custo de produción e incrementar o valor engadido de maneira directa.
A estas axudas poden optar tanto entidades asociativas (como cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación, agrupacións de defensa sanitaria e agrupacións de calquera destas figuras) como organismos e equipos de investigación especializados (centros públicos de I+D, centros públicos e privados de I+D sen ánimo de lucro ou centros tecnolóxicos, entre outros), que realicen programas de investigación no sector da apicultura e os produtos apícolas.
Os beneficiarios deben cumprir cos requisitos establecidos no artigo 3 das bases reguladoras (
Orde APA/111/2024, do 8 de febreiro).
As solicitudes de axuda cumprimentaranse segundo o modelo dispoñible na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación () e presentaranse no prazo de 20 días hábiles contados desde mañá, día 21.
Na sede electrónica atópanse dispoñibles distintos documentos para o enchemento das solicitudes, así como os datos de contacto para resolución de dúbidas.
A localidade de Arzúa será o lugar onde se celebre a
Xuntanza Abelleira este sábado, 16 de marzo. Os diferentes actos realizaranse dentro do Mercado Centro Multiusos "Terra do Queixo". Aproveitando o encontro, celebrarase a votación para a nova Xunta Directiva da
Asociación Galega de Apicultura.
A nova edición abrirá as portas ás 10:00 da mañá o sábado 16 de marzo e
ás 10:30 realizarase a presentación de candidaturas para a Xunta Directiva. Haberá dúas asembleas extraordinarias e outra ordinaria.
As urnas estarán abertas de 10:30 a 13:30 e o escrutinio da votación será entre as 13:30 e as 14:00.
Pola tarde impartiranse tres conferencias. A primeira estará a cargo de Josep María Bas, quen falará sobre o control do tártago na poboación de abellas. Seguidamente Eloy Álvarez será quen imparta a conferencia sobre a vespa velutina. Por último, Carlos Zafra será o experto que imparta a palestra sobre a varroa.
A exposición e venda de produtos estará aberta desde as 10:00 até as 19:00.
AGA-DAGA Barbanza-Salnés organiza unha xornada sobre apicultura na Pobra do Caramiñal para o día 23 de marzo. A xornada estará en horario de mañá, de 10:00 a 14:00, e de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
Durante o horario de mañá impartirase unha palestra cun experto en floración apícola en Galicia e o pole. Na quenda de tarde, un apicultor profesional ofrecerá coñecementos sobre recollida e procesado de mel.
A xornada impartirase a partir dun mínimo de 15 persoas. O custo de inscrición será de 25€ para os socios de AGA, para os non socios será de 35€. Se se chega a un número de 20 persoas asistentes haberá unha rebaixa de 5€ na inscrición.
Quen desexe poderá facer reserva para comer por 13€ con dous pratos, café, postre e bebida.
DAGABARBANZA@ELMUELLE.ES
A Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura. Este curso celebrarase na Pobra do Caramiñal o día 9 de marzo de 10:00 da mañá até as 19:30 horas da tarde. Aprenderanse os primeiros pasos como coñecer unha colmea, conceptos e manexos básicos e, se o tempo o permite, visitarase un apiario.
Para participar no curso hai que anotarse, pois o número de prazas é limitado, no enderezo
dagabarbanza@elmuelle.es.
A matrícula para entrar será de 5€ para socios da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e para non socios o prezo será de 15€.